XUNTA DE GOBERNO

As obras do ascensor de Triacastela poderán comezar na próxima primavera

10/11/2017 A Xunta de Goberno aprobou este venres o proxecto de mellora de accesibilidade na rúa Triacastela, unha actuación que foi proposta no marco do programa Urbana Santiago Norte. As obras teñen un orzamento máximo de licitación de case medio millón de euros, IVE incluído, e un prazo de execución de seis meses. A previsión é que os traballos comecen na próxima primavera.

O concelleiro Xan Duro, encargado de dar conta dos acordos da Xunta de Goberno, explicou que a actuación ten o obxectivo de "mellorar a accesibilidade entre a avenida de Lugo e Concheiros". Para iso, instalarase un ascensor sensiblemente aliñado coas edificacións que dan fronte cara a avenida de Lugo, salvando na parte superior a distancia coa rúa Concheiros a través dunha pasarela. Durante os traballos tamén se renovarán as redes de saneamento, abastecemento e telecomunicacións.

Modificativo de crédito
A Xunta de Goberno de tamén aprobou dous expedientes modificativos de crédito. Un deles, por un importe de 236.000 euros, ten o obxectivo fundamental de cubrir as horas extraordinarias do persoal do servizo de extinción de incendios. Xan Duro apuntou que "o dos bombeiros é un dos servizos máis afectados pola Lei Montoro e a imposibilidade de contratar persoal, e de feito hoxe temos só 45 efectivos fronte aos máis de 70 de hai uns anos". O concelleiro apuntou que, "ao tratarse dun servizo sensible, vémonos obrigados a cubrir as necesidades a través de horas extra, o que supón que en realidade non se produce ningún aforro para as contas públicas, que era a desculpa da taxa de reposición do Goberno central".

O outro modificativo de crédito permitirá destinar case 163.000 euros ao pago á construtora do parque de bombeiros de Salgueiriños, correspondentes ao IVE, e outros 165.000 euros para atender a necesidade de crédito de Incolsa.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: