XUNTA DE GOBERNO

O Concello dedicará medio millón de euros a bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares

10/11/2017 A Xunta de Goberno aprobou este venres a ampliación da dotación orzamentaria prevista na convocatoria para a concesión de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e actividades extraescolares para o curso 2017-2018. O incremento é de case o 39%, de xeito que a partida para as bolsas achegarse ao medio millón de euros, fronte aos 360.000 euros previstos inicialmente.

O concelleiro Xan Duro, encargado de dar conta dos acordos da Xunta de Goberno, explicou que, con este incremento, "o Goberno cumpre o seu compromiso de priorizar o gasto social". Tamén lembrou que é a maior partida que se destina a estas axudas, que "pasou de ser de 70.000 euros no curso 2013-2014 a medio millón de euros neste curso 2017-2018".

Convenios
A Xunta de Goberno aprobou un convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio, que supón unha achega municipal de 9.000 euros. Tamén recibiu o visto bo o convenio co Club Atletismo Santiago, que recibirá outros 9.000 euros.

Ademais, deuse conta da sinatura do acordo con Cogami, que contempla unha achega municipal de 15.000 euros e aprobáronse as xustificacións dos acordos coa Asociación Cultural Cidade Vella (20.000 euros), o Padroado da Casa da Troia (3.600 euros), a Asociación Cultural Rocha Forte (3.000 euros) e a Federación Galega de Baloncesto (10.000 euros).

Por último, a Xunta de Goberno deu conta da concesión dunha axuda da Dirección xeral de Patrimonio Natural da Xunta, para a protección dos animais de compañía en centros de acollida. A axuda achégase aos 43.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: