ALCALDÍA

Compostela acolle este venres a Asemblea Xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago

09/11/2017 A Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS) celebrará a súa Asemblea Xeral mañá venres en Santiago. A axenda da xornada dará comezo ás 9:00 no Hostal dos Reis Católicos, cunha Xunta Directiva da entidade que será presidida polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

Entre os temas a tratar nesta Asemblea estarán a aprobación das solicitudes de adhesión de 22 novos concellos, a presentación da imaxe corporativa da AMCS, a creación do Comité Científico, un informe sobre o Foro de Empresas ou a aprobación das contas para 2018, entre outros puntos.

Ás 13:30 horas terá lugar a clausura da Asemblea, que contará coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ás 14:00 horas celebrarase no Concello unha recepción oficial para os concellos asistentes.

Cooperación entre os concellos do Camiño
A Asociación de Municipios do Camiño de Santiago quedou constituída en novembro de 2015 e na actualidade forman parte dela máis de 60 concellos do Camiño Francés. A entidade busca establecer relacións de cooperación entre os concellos membros e colaborar con entidades locais, autonómicas e estatais na promoción do Camiño e proxectos de interese común.

Na última xuntanza da Xunta directiva celebrada en febreiro en Carrión de los Condes (Palencia), acordáronse diferentes iniciativas para implicar a peregrinos e peregrinas na mellora do Camiño a través de campañas nas redes sociais e de envío de suxestións. Tamén se decidiu iniciar o procedemento de contratación das actividades de asistencia administrativa e técnica necesarias para o funcionamento da Asociación.

Compartir: