POLÍTICAS SOCIAIS

Concha Fernández reivindica o papel dos concellos en materia de cooperación na celebración do 20 aniversario do Fondo Galego

09/11/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, asistiu esta mañá ao acto de celebración do 20 aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello de Santiago xunto con outros 90 municipios.

No acto reivindicouse a loita contra a pobreza e a defensa dos Dereitos Humanos con actividades de carácter lúdico para concienciar fronte as desigualdades. Preto dun cento de representantes de concellos galegos, da Xunta e de fondos de cooperación doutras comunidades autónomas, entre outros, asistiron á xornada que se celebrou na Cidade da Cultura de Galicia.

A compañía de clown Pallasos en Rebeldía foi a encargada de conducir o evento, con contos da Tropa de Trapo, a lectura de poemas e relatos por parte da escritora Marilar Aleixandre e a música de Batuko Tabanka, un grupo de mulleres de orixe caboverdiana.

Na súa intervención, Concha Fernández reivindicou "o papel dos concellos en materia de cooperación" e afirmou que "o principal desafío é superar as desigualdades, a pobreza e o cambio climático para conseguir comunidades máis sustentables e xustas". Tamén lle desexou ao fondo Galego de Cooperación moitos máis anos "abrindo camiños de solidariedade, cooperación e desenvolvemento".

Ademais proxectáronse varios vídeos sobre a entidade e, nos soportais da Biblioteca, instalouse a exposición 20 anos a Fondo coa solidariedade, do ilustrador Pepe Carreiro.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Dende a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, na actualidade, Mozambique.

Ao tempo, promove numerosas actividades e materiais para sensibilizar á cidadanía galega a prol da solidariedade internacional, a realidade do Sur, a equidade de xénero, as persoas migrantes e refuxiadas, etc. O Fondo Galego está recoñecido pola Fegamp como axencia municipal da cooperación galega e avalado pola Unión Europea como referente para a promoción das redes de cooperación descentralizada.

Compartir: