LINGUA E COMERCIO

O alcalde visita El In-Perfecto, establecemento gañador do V Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego

09/11/2017 O alcalde e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo visitaron esta mañá o establecemento El In-Perfecto, premiado no V Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego. Martiño Noriega e Marta Lois coñeceron o establecemento, que mereceu a distinción pola campaña co lema "Uns fano en serie. Nós facémolo en serio", ideada por Beatriz Romero.

Beatriz Romero, deseñadora da campaña e unha das propietarias de El In-Perfecto, explicou que a súa intención foi facer "unha comparativa case absurda entre os produtos que vende a tenda, de madeiras nobres e deseñadores consagrados, cos que se poden adquirir noutras cadeas tamén de procedencia nórdica". Tamén reivindicou a necesidade de dirixirse á clientela en galego, porque "é a nosa lingua, a que nos representa e que nos permite chegar de maneira emocional ao nos público".

O Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego naceu co obxectivo de promover a galeguización da comunicación entre as empresas, os comercios e os establecementos hostaleiros e o público. Segundo diferentes estudos, os clientes e clientas acollerían moi ben un maior uso da nosa lingua no sector socioeconómico, que adoita reservar o galego para a oralidade mentres que nos escritos, especialmente na documentación administrativa e na publicidade, se obvia máis o uso da nosa lingua. O certame pretende impulsar a coherencia lingüística entre a publicidade e o trato directo, ao tempo que trata de fomentar a mellora da calidade e a creatividade destas comunicacións.

O Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego está aberto á participación de establecementos empresariais radicados en Compostela, así como de profesionais da comunicación e a publicidade. Ambas as partes deben cooperar na planificación dun bo proxecto de comunicación, que sirva aos seus intereses económicos e que se converta no mellor exemplo de que "en galego se vende, e o galego vende". En cada edición do certame entréganse dous
premios, dotado cada un deles con 5.000 euros.

Compartir: