POLÍTICAS SOCIAIS

Expertos da Península debaten en Santiago sobre os recursos específicos para as persoas sen fogar

09/11/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, dará a benvida institucional ás persoas participantes na II Xornada sobre a situación das persoas sen fogar: Recursos Específicos, que se celebra mañá venres no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación (avenida de Castelao s/n, Campus Norte). O tema principal da Xornada serán os recursos que se poden destinar á axuda das persoas que non teñen fogar por parte das corporacións municipais. Está prevista a intervención de diferentes profesionais con experiencia na área de atención ás persoas sen fogar.

Entre as persoas que asistirán a esta II Xornada figura Albert Sales, coordinador do Plan de Loita contra o Senfogarismo de Barcelona 2016-2020. A partir das 10:15 horas, Sales falará da experiencia en rede levada a cabo neste ámbito na capital catalá. Seguidamente haberá unha mesa redonda sobre os recursos do Estado para atender as persoas sen fogar.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, o psicólogo portugués Paulo Martín, dará conta da experiencia portuguesa no campo do senfogarismo. Seguiralle unha nova mesa redonda sobre os recursos que teñen as administracións locais para axudar ás persoas sen fogar.

A xornada rematará coa proxección do documental Invisibles, que dará paso a un debate aberto.

Documentos relacionados



Compartir: