TURISMO

Santiago promociónase na feira turística máis importante do Reino Unido

08/11/2017 Turismo de Santiago está a promocionar a cidade na World Travel Market, a feira turística máis importante do mercado británico, que ten lugar en Londres entre o 6 e o 8 de novembro. Nesta feira participan máis de 50.000 profesionais do sector. Arredor do 50% deles son británicos, pero tamén hai unha importante presencia de profesionais europeos e asiáticos.

O mercado británico é o sexto mercado internacional máis importante para a cidade en volume de pernoctacións, tras Italia, Alemaña, Estados Unidos, Portugal e Francia. No ano 2016 logrouse o maior número de pernoctacións de turistas do Reino Unido en Santiago da última década, superando as 40.000 pernoctacións.

O primeiro día do evento destinouse aos membros de WTM Buyers Club, asociación con 11.000 membros que une aos principais profesionais do sector turístico, e aos invitados, tanto da organización como das entidades participantes. Os dous días seguintes estiveron dedicados aos visitantes profesionais e o último día ao público xeral. Turismo de Santiago contou cun mostrador no stand de Turespaña, onde amosou os seus recursos.

O Reino Unido é un mercado prioritario para Santiago, que se atopa nun momento de expansión na cidade. O máximo de pernoctacións de turistas do Reino Unido nos hoteis da cidade logrouse no ano 2007, cando se alcanzaron as 45.084. A partires dese ano, comezou un descenso do turismo do Reino Unido, que se prolongou ata o ano 2011, cando se baixou ata a cifra máis baixa da serie histórica, con a penas 17.914.

Non obstante, no 2012 comezou unha importante recuperación deste mercado, que está continuando nos últimos anos e que no 2016 conseguiu superar as 40.000 pernoctacións. O obxectivo a medio prazo é continuar crecendo neste mercado e consolidalo por riba das 50.000 pernoctacións anuais.

Compartir: