CONSORCIO

O trompetista principal da Sinfónica de Sevilla, o galego José Forte, impartirá clases a intérpretes noveis

08/11/2017 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes noveis. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do trompetista galego José Forte, que é o primeiro ex-alumno da Escola que ofrece clases no centro. Xunto ao/ás estudantes da EAEM, tamén poden asistir músicos/as externos/as ao centro.

As clases celebraranse o xoves 16 de novembro, pola mañá de 12:00 a 14.00 horas e pola tarde de 16:00 a 20:00 horas. Os/as músicos/as que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os/as aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

José Forte é na actualidade trompeta solista da Real Orquesta Sinfónica de Sevilla. Naceu na localidade pontevedresa de Meaño en 1989. Aos oito anos comeza os seus estudos musicais. Formouse no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra, no Conservatorio Superior de Música de Vigo, na propia Escola de Altos Estudos Musicais e na Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia.

En 2012 fixo un máster na especialidade de orquestra na cidade suíza de Zúric e posteriormente inicia os seus estudos de trompeta barroca. Foi membro da Joven Orquesta Nacional de España, Orquesta Joven de la Sinfónica de Soria, Sibelius Academy Symphony Orchestra e Schwlestig Holstein Musik-Festival. Colabora asiduamente coas orquestras Ciudad de Granada, Sinfónica de Castilla y León, Real Filharmonía de Galicia e Sinfónica de Navarra.

Compartir: