ALCALDÍA

Un recital, charlas, música e vídeo para inaugurar este xoves a Casa das Mulleres "Xohana Torres"

08/11/2017 A Casa das Mulleres "Xohana Torres" será aberta ao público mañá xoves nun acto presentado pola poeta e actriz Lara Rozados e ao que asistirán asistirán o alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Igualdade, Marta Lois. Estará presente tamén Andrea Ellacuría Torres, filla de Xohana Torres, de quen a Casa toma o nome. Haberá un recital con poetas galegas, unha charla, música e a proxección do traballo As donas dos mapas. O programa arrancará ás 18:00 horas.

O acto comezará co recital "Nós tamén navegar" coas voces de Ana Romaní, Marilar Aleixandre, Luz Fandiño e Rosalía Fernández Rial. A continuación, sobre as 18:45 horas, haberá unha sesión de micrófono aberto para todas as activistas e colectivos feministas que desexen participar. Ás 19:30 horas, Aurora Marco, Encarna Otero e Lola Ferreiro impartirán unha charla titulada "A hora da memoria das mulleres".

A inauguración será ás 20:00 horas, coa participación do alcalde de Santiago, Martiño Noriega; da concelleira de Igualdade, Marta Lois, e de Andrea Ellacuría Torres, filla de Xohana Torres, autora e defensora dos dereitos da muller, do que toma o seu nome a Casa das Mulleres. Ás 20:30 horas proxectarase o vídeo As donas dos mapas, da produtora Illa Bufarda. Para rematar, haberá unha sesión de DJ a cargo de DJ Alba Cociña. O evento está coordinado por Patricia Porto Paderne, da libraría Lila de Lilith.

A Casa das Mulleres é un espazo que pedían os colectivos feministas e de mulleres dende hai moito tempo. A idea é que sexa un espazo para o empoderamento das mulleres e de transformación social, tendo por obxectivo o traballo por unha sociedade igualitaria.

Compartir: