ACCIÓN CULTURAL

"Jeune femme", "The party", e a Real Filharmonía protagonizan a terceira xornada de Cineuropa

08/11/2017 O Teatro Principal acollerá ás 20:00 horas a estrea da fita premiada como mellor ópera prima (Un Certain Regard) en Cannes 2017. Trátase do filme de Léonor Serraille Jeune femme (Montparnasse bienvenue), unha deliciosa "dramedia" cuxo peso recae principalmente na impecable interpretación da actriz Laetitia Dosh, quen dá vida á personaxe protagonista.

Por outra banda, o Salón Teatro acollerá ás 22:30 horas o retorno de Sally Potter con The Party, unha escura comedia realizada por esta directora británica que xa fora gañadora do premio do público Cineuropa en 1993 co filme Orlando. Tamén o Salón Teatro será o lugar escollido para a proxección do último pase de The Square, o filme sensación do realizador sueco Ruben Östlund, que se proxectará ás 20:00 horas.

A xornada do mércores inclúe a apertura da sección Cine e dereitos humanos, unha das novidades desta 31ª edición, que comeza ás 16:00 h no Salón Teatro con La memoria de los huesos, de Facundo Beraudi, e Al otro lado del muro, de Pau Ortiz. A mesma liña reivindicativa será a protagonista da programación do mércores no CGAC, coa proxección de dous traballos do documentalista Patricio Guzmán: Salvador Allende e El caso Pinochet. As sesións do CGAC son de acceso libre até completar aforo.

Cineuropa 31 dará mostra da vitalidade do cinema islandés, unha cinematografía de produción pequena (entre 10 e 15 longametraxes anuais) pero que, en proporción, ten unha gran repercusión a nivel global. A xornada do mércores inclúe as proxeccións de Sveitabrúðkaup (Country Wedding, de Valdís Óskarsdóttir, ás 16:30 h no Teatro Principal; Iceland, Year Zero (Islandia, Ano Cero), de Sigurður Hallmar Magnússon e Armande Chollat-Namy, e Backyard, de Árni Sveinsson, en sesión dobre nos Multicines Compostela a partir das 19:45 h.

Ademais, a partir das 20:30 horas, o Auditorio de Galicia servirá de escenario para o Concerto Especial Cineuropa, no que a Real Filharmonía de Galicia porá banda sonora en directo aos filmes Carmen, de Cecil B. DeMille, e Parodia de Carmen, de Charles Chaplin. Timothy Brock, director e compositor estadounidense, alén de experto en cinema silente, dirixirá este concerto con música da súa autoría e pezas de H. Riesenfeld. Minutos antes, ás 19:45 h, o compositor compostelán Lucas Rei Ramos conducirá a sesión Convers@ando, que ofrecerá unha introdución contextualizada do recital.

Direccións relacionadas



Compartir: