CENTROS CÍVICOS

O Centro Cívico do Romaño-Vista Alegre abre as súas portas

08/11/2017 O Centro Cívico do Romaño-Vista Alegre abriu as súas portas este mércores cun acto inaugural presidido polo alcalde, Martiño Noriega. Pola mañá, a concelleira de Centros Cívicos, Concha Fernández, visitara o edificio acompañada por un dos arquitectos autores do proxecto, Gonzalo Alonso, e polo presidente da asociación de veciños do barrio, Juan Pena.

A concelleira recoñeceu que o Centro Cívico do Romaño-Vista Alegre "é unha das herdanzas recibidas de maior valor, e é xusto recoñecer que ese equipamento é posible grazas ao empeño da veciñanza do barrio". Concha Fernández gabou as características do edificio, "de gran valor arquitectónico e moi acaído para as necesidades do barrio".

Características do edificio
O Centro Cívico do Romaño-Vista Alegre é un proxecto que fora incluído no programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado con fondos FEDER. A construción do edificio foi adxudicada en maio de 2014, por un orzamento de case 764.000 euros e cun prazo de execución de dez meses. Diferentes defectos construtivos obrigaron a atrasar a recepción das obras, e tamén a abrirlle un expediente sancionador á empresa responsable.

O Centro ten unha superficie construída de preto de 950 metros cadrados, nunha parcela de 1.200. Entre as súas dotacións figuran unha gran sala de usos múltiples, sala de informática, biblioteca, e despachos, así como un gran vestíbulo que funciona como eixo central e lugar de encontro do edificio.

O edificio foi deseñado polos arquitectos Gonzalo Alonso e Elisabeth Abalo, e vén de gañar o primeiro premio na III Bienal Internacional de Arquitectura de Bakú. Gonzalo Alonso explicou que o obxectivo era "conseguir un edificio compacto, luminoso e cómodo para a veciñanza". Ademais, incidiu en que se tratou de conseguir espazos que "puideran ter moitas utilidades: un vestíbulo que tamén é unha sala de actuacións, unhas fiestras que tamén son balcóns, un corredor que tamén é unha biblioteca… Por iso é difícil dicir cantas salas ten o edificio, porque está pensado para ter certa flexibilidade".

Actividades
Despois da inauguración desta tarde, as actividades no Centro Cívico do Romaño-Vista Alegre comezarán mañá xoves, con baileterapia, pilates e cociña saúdable. Inicialmente, o centro estará aberto de martes a venres, en horario de 17:00 a 19:00 horas, ata normalizar o seu funcionamento a primeiros de ano.

Compartir: