ACCIÓN CULTURAL

O retorno dos mellores Philippe Garrel e Joaquin Phoenix protagoniza a carteleira deste mércores no festival Cineuropa

07/11/2017 A segunda xornada da 31ª edición de Cineuropa abre as súas portas coa colaboración por vez primeira do Multicines Compostela. Esta nova sede acollerá o mércores 8, ás 18:00 h, un pase homenaxe ao recentemente falecido Federico Luppi, quen fora premio Cineuropa en 2002, coa proxección do filme de John Sayles Men with guns.

A continuación, na mesma sala 2 dos Compostela, exhibiranse Mi tía Toty, un interesante documental de León Felipe Troya sobre Toty Rodríguez, unha actriz ecuatoriana, diva e icona do seu país que fixo carreira en París (ás 20:30 h.). A seguir, ás 22:15 h, proxéctase Carnívora, de Arthur Tuoto, adaptación do conto de ciencia ficción The Carnivore, de Katherine MacLean. Realizado con materiais de arquivo, o filme converte o relato fantástico nunha suxestiva análise da sociedade actual ao estilo dos filmes de Chris Marker .

No Salón Teatro, ás 19:45 h, terá lugar a estrea en Cineuropa de L’amant d'un jour, o retorno de Philippe Garrel, un atraente relato en branco e negro rodado en 35 mm que, segundo José Luis Losa, director do festival, é "sen dúbida, o mellor Philippe Garrel da última década. E iso é xa dicilo todo". A continuación, na mesma sala poderase ver, ás 21:15 h, a segunda longametraxe da canadense Chloé Robichaud, Pays, belísimo filme merecedor do premio á mellor directora novel no Festival de Cine Internacional de Seattle 2017.

O Teatro Principal acollerá a estrea ás 22:30 h. de En realidade, nunca estiveches aquí, de Lynne Ramsay, filme recoñecido no Festival de Cannes 2017 cos premios de mellor actor principal e mellor guión. O peso da película recae principalmente en Joaquin Phoenix, un atormentado veterano de guerra que se introduce nas cloacas da noite na procura da filla dun senador. Dura, ambiciosa, minimalista e formalmente impecable. A programación do día remata coa proxección dun filme que non debera pasar desapercibido, Meu amigo Dahmer, de Marc Meyers, un mesurado retrato dun psicópata adolescente que se percibe como unha das mellores longametraxes de asasinos en serie. A cita con este noviño Jeffrey Dahmer será ás 23:00 h no Salón Teatro.

A aposta desta edición polas óperas primas reflíctese este mércores coa programación da xa mentada e Mi tía Toty e de Sonar, exquisito traballo de Jean-Philippe Martin que profunda na natureza humana de xeito honesto e sen prezuízos (Teatro Principal ás 16:30 h). Para non perder é tamén Un secreto en la caja, de Javier Izquierdo, galardoado cos premios FIPRESCI e mellor director latinoamericano no BAFICI 2017. Trátase dun achegamento humorístico a unha mítica figura do boom latinoamericano que serve de escusa para afondar na historia e a identidade de Ecuador. Poderemos coñecer a este lendario Marcelo Chiriboga ás 18:30 h no Teatro Principal. Tampouco desmerece Comrade, where are you today?, de Kirsi Marie Liimatainen, unha peza sobre as ilusións de cambiar o mundo que encaixa á perfección coa temática revolucionaria desta 31ª edición de Cineuropa.

Por último, no Teatro Principal, ás 20:00 h, teremos a oportunidade de asistir ao segundo dos tres pases da Palma de Ouro de Cannes, The Square, de Ruben Östlund.

Direccións relacionadas



Compartir: