EDUCACIÓN E CIDADANÍA

En marcha o XIV Simposio "O libro e a lectura"

08/11/2017 Este mércores comezou na Sede Afundación de Santiago o XIV Simposio "O libro e a lectura. O libro ilustrado: outra forma de ler?", organizado pola Concellaría de Educación e Cidadanía e a Asociación Galega de Editores (AGE), coa colaboración da Asociación de Autores e Editores de Libros, Revistas, Periódicos e Partitura (CEDRO) e a Deputación da Coruña. Neste encontro, que terá outra xornada mañá xoves, debátese sobre a importancia do libro ilustrado e a ilustración como ferramentas de animación e fomento da lectura entre os nenos e nenas.

O encontro conta con conferencias e mesas redondas. A inauguración correu a cargo do concelleiro de Educación e Cidadnía, Manuel Dios, e do presidente da AGE, Xosé Ballesteros, que deron paso á primeira das mesas redondas, con Kiko Dasilva, Cano Paz e Carla Berrocal. Logo, Joan Fontcuberta pronunciou a conferencia "A furia das imaxes".

As sesións continúan na mañá do xoves 9, ás 10:30 horas, coa conferencia "Os álbums que contan o mundo", impartida por Ana Garralón, crítica e especialista en libro informativo e Premio Nacional de Fomento da Lectura en 2016.

Ás 12:00 horas, unha mesa redonda reunirá a Madalena Matoso, editora de Planeta Tangerina e a Diego Moreno, editor de Nórdica Libros. Xa pola tarde, ás 16:30 horas, celebrarase a mesa redonda "Olladas ilustradas", con Xosé Cobas, Ester García e Calros Silvar. Finalmente, Teresa Durán, escritora e ilustradora, pechará as xornadas impartindo a conferencia "Os tres fillos do tsar. A lectura da imaxe, hoxe" (ás 18:30 horas).

Compartir: