ACCIÓN CULTURAL

"La villa", de Robert Guédiguian, abre a 31ª edición de Cineuropa

06/11/2017 O festival Cineuropa inaugura mañá martes a súa 31ª edición. A cerimonia de apertura terá lugar ás 20:00 horas no Teatro Principal compostelán e será conducida por José Luis Losa, director do certame, quen presentará a programación dispoñible durante este mes de novembro.

Co filme elixido para inaugurar esta nova edición, La villa, o festival fai unha chiscadela aos seus 30 anos de historia, apelando ao novo traballo dun dos seus directores máis icónicos: Robert Guédiguian, a quen mesmo se lle dedicou unha sección (Marsella, o universo Guédiguian) en 2003. A acción de La villa transcorre nunha pequena baía preto de Marsella, nunha casa familiar onde se reúnen tres irmáns para acompañar ao pai nos seus últimos días. Esa situación propicia momentos de reflexión sobre o fracaso dos soños e os ideais, pero tamén sobre a necesidade de seguir na loita por un mundo mellor. En palabras de José Luis Losa, director de Cineuropa, "ninguén como Guédiguian para orquestrar a oda crepuscular polo paraíso perdido da conciencia de clase".

Tras o novo filme de Guédiguian, exhibirase The Square, unha das películas do ano e Palma de Ouro de Cannes 2017, de Ruben Östlund. O realizador sueco volve ao festival tres anos despois do éxito de Forza maior cunha mordaz crítica á sociedade politicamente correcta, un filme provocador, grandilocuente e iconoclasta que o público saberá apreciar.

O Salón Teatro, o CGAC e a sede Afundación tamén abrirán as súas portas na primeira xornada do festival. Ás 22:30 horas dará comezo no Salón Teatro Geu-Hu (The day after), de Hong Sang-soo, outro dos novos clásicos do festival, de quen poderemos ver tamén nesta edición A cámara de Claire e Na praia, soa de noite. Os tres filmes do infatigable cineasta coreano foron realizados neste ano 2017.

O CGAC acollerá a primeira sesión dedicada á sección Novecento: o século das revolucións, o ciclo que conmemora os cen anos da Revolución que cambiou o mundo e abriu as mentes. Pola súa banda, a programación de Afundación reivindicará dous filmes de culto como son Nubes de maio, de Nuri Bilge Ceylan, e Where the buffalo roam, de Art Linson. Todos os filmes proxectados no CGAC e a sede Afundación serán de entrada libre até completar capacidade.

Así comeza Cineuropa31, certame que traerá ao novembro compostelán 22 días de cine repartido en seis salas da cidade (Teatro Principal, Salón Teatro, Cinema Numax, CGAC, Sede Afundación, Multicines Compostela e Auditorio de Galicia), nas que se proxectarán 264 títulos. A programación completarase con homenaxes, concertos e encontros con cineastas que visitarán o festival para dar a coñecer as súas creacións.

Direccións relacionadas



Compartir: