CONSORCIO

A RFG pon en directo a banda sonora aos filmes mudos "Carmen", de Cecil B. DeMille, e "Parodia de Carmen", de Charles Chaplin

08/11/2017 No marco da 31ª edición do festival Cineuropa, mañá xoves proxectaranse os filmes Carmen, de Cecil B. DeMille, e Parodia de Carmen, de Charles Chaplin. Será ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia. De maneira simultánea á proxección destas películas mudas, a Real Filharmonía de Galicia interpretará en directo as súas bandas sonoras. A batuta levaraa o director e compositor estadounidense, experto en cinema mudo, Timothy Brock, autor ademais da música do filme de Chaplin. E contarase coa colaboración como concertino de Teimuraz Janikashvili, principal violinista da Orquestra Simfònica do Vallès.

A música de Carmen (1915) é do compositor austríaco Hugo Riesenfeld. É unha versión libre da novela de Merimée, con toques da ópera de Bizet. Relátase a paixón que se xera no mozo oficial Don José a partir do seu encontro coa xitana Carmen. Unha banda de contrabandistas acode a ela para que seduza ao raparigo, xa que este négase a ser subornado. Ela préstase ao xogo pero prefire ao toureiro Escamillo, que tamén está namorado dela e non ve con bos ollos que se achegue a Don José. Pola súa banda, este, despois de sufrir a deshonra de matar a un compañeiro tras unha pelexa provocada por Carmen, non dubida en unirse aos contrabandistas para seguir á súa amada. Ela foxe cara a Sevilla e el buscaraa ata desembocar nun final tráxico.

Parodia de Carmen (1915), con guión e dirección de Charles Chaplin, é unha versión disparatada da película de Cecil B. DeMille na que o propio Chaplin interpreta ao oficial Darn Hosiery (Don José). Á trama orixinal dos amores de Don José e Carmen, entorpecidos pola presenza do toureiro Escamillo, engádense os amores entre Don Remendado e Frasquita, vistos desde un punto de vista cómico.

Timothy Brock
A música de Parodia de Carmen é do propio Timothy Brock. Nacido en Seattle, este compositor e director de orquestra é unha recoñecida autoridade na música de principios do século XX e en actuacións en vivo de cinema mudo. Restaurou as partituras de grandes obras mestras do cinema mudo. Especialmente intenso é o seu traballo coas bandas sonoras de Charles Chaplin, que comezou en 1998 cando lle encomendan a restauración da música de Tempos modernos e, dende entón, recuperou pezas como Luces da cidade, A quimera do ouro ou O circo. En 2004 tamén transcribiu minuciosamente unhas trece horas de composicións inéditas de Chaplin.

Ademais, Brock é unha figura pioneira do que se coñece popularmente como Música Degenerada, música de compositores prohibidos polo Terceiro Reich. Así, ofreceu as estreas norteamericanas e en ocasións mundiais de obras de moitos destes compositores, entre elas una das primeiras interpretacións da conmovedora ópera de Viktor Ullmann O emperador da Atlántida, escrita dentro do gueto de Terezin no ano 1944.

Como compositor escribiu unhas 60 obras para concerto e cinema mudo. En particular, para películas mudas escribiu 27 partituras orixinais ao longo do últimos trinta anos, incluída Parodia de Carmen. E como director colabora con regularidade coas mellores orquestras de todo o mundo.

Charla previa co compositor Lucas Rei Ramos
Antes da celebración do concerto, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co compositor Lucas Rei Ramos. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: