SOLIDARIEDADE

O Fondo Galego de Cooperación conmemora os seus 20 anos cun grande acto festivo e reivindicativo

06/11/2017 O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello de Santiago, conmemora os seus vinte anos de andaina cun gran acto que combinará a reivindicación da loita contra a pobreza e a defensa dos Dereitos Humanos con actividades de carácter lúdico para concienciar fronte as desigualdades. Preto dun cento de representantes de concellos galegos, da Xunta e de fondos de cooperación doutras comunidades autónomas, entre outros, confirmaron xa a súa presenza na xornada, que se desenvolverá o vindeiro xoves, 9 de novembro, na Cidade da Cultura, a partir das 11:00 horas.

A compañía de clown Pallasos en Rebeldía será a encargada de conducir o evento, que contará cos contos da Tropa de Trapo, a lectura de poemas e relatos por parte da escritora Marilar Aleixandre ou a música do grupo de mulleres de orixe caboverdiana Batuko Tabanka. As actuacións intercalaranse con discursos a cargo do presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González; da presidenta saínte da Confederación de Fondos, Meritxell Budó, e do vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Oroso, Manuel Mirás, alén doutras autoridades.

Ademais, proxectaranse varios vídeos sobre a entidade e nos soportais da Biblioteca instalarase a exposición 20 anos a Fondo coa solidariedade, deseñada polo ilustrador Pepe Carreiro. As persoas interesadas en acudir deberán reservar a súa praza no 986 843 436 ou en comunicacion@fondogalego.org.

Asemblea anual
Por outra parte, na tarde anterior, o mércores día 8, ás 16:30 horas, terá lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a asemblea anual da Confederación de Fondos, á que acudirán representantes de Galicia, Euskadi, Andalucía, Estremadura, Cataluña, Valencia, Mallorca, Menorca e Eivisa. Ademais de aprobar o plan de traballo para os próximos meses, que suporá unha reactivación da entidade, o Fondo Galego presenta a súa candidatura para ocupar a Presidencia da Confederación a nivel estatal.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Dende a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, na actualidade, Mozambique.

Ao tempo, promove numerosas actividades e materiais para sensibilizar á cidadanía galega a prol da solidariedade internacional, a realidade do Sur, a equidade de xénero, as persoas migrantes e refuxiadas, etc. O Fondo Galego está recoñecido pola Fegamp como axencia municipal da cooperación galega e avalado pola Unión Europea como referente para a promoción das redes de cooperación descentralizada.

Compartir: