LINGUA

Máis actividades para pequenos e pequenas en novembro da man do Apego

06/11/2017 O mes de novembro chega cargado de actividades para os pequenos e pequenas da casa no marco do programa Apego. Ademais das propostas ligadas ao Samaín, haberá teatro, música, contacontos e baile.

A oferta deste mes inclúe representacións teatrais coma O pucheiro da señora Emilia, de Charo Pita (domingo 12, ás 12:30 h, no LSC de Lavacolla), ou A familia do Vurdalak, unha peza de teatro con música, dirixida e guiada por Paula Carballeira e coa participación da Banda Municipal (domingo 12, ás 12:00, no Teatro Principal). Haberá tamén espectáculos de ilusionismo como o ofrecido polo Mago Benxamín o sábado 11, ás 18:30 h, no CSC do Castiñeiriño.

O calendario de novembro inclúe tamén algunhas propostas encadradas no programa 12 Doces de Outono. É o caso de O gaiteiro bucólico, un conto acompañado por música a cargo de Simón Piñón (domingo 19, ás 18:00 h, no LSC de Marrozos; Avós, un conto sobre a xente nova e a súa relación coa xente maior, con Trinke Trinke (domingo 19, ás 12:30 h, no CSC da Gracia); ou Ghop!, un espectáculo coa estética dos circos ambulantes da man de Teatro ao Cubo (Domingo 19, ás 18:00 h, no LSC de Laraño).

A maioría destes e doutros espectáculos son de balde ata completar aforo. Entre os de pago (3 €), destaca o espectáculo Outono, que Pista Catro levará ao escenario do Auditorio de Galicia o sábado 18 ás 18:30 horas.

Outras propostas, malia ser de balde, requiren inscrición previa, coma os obradoiros. Un deles é o previsto con María Canosa en torno ao Libro dos medos, para nenos/as de 2 a 6 anos, o mércores 15, ás 17:30 e 18:30 horas, no CSC do Ensanche. Tamén require inscrición o espectáculo para bebés A alfombra máxica, de Teatro Babaluva (xoves 16, ás 19:00 h, no CSC de Vite) e o Obradoiro de elaboración de doces previsto para o xoves 23 e o venres 24, ás 18:00 e ás 17:30 horas, no CSC de Vite.

Direccións relacionadas



Compartir: