IGUALDADE

O Concello presenta a campaña "En negro contra as violencias" no Parlamento Europeo

06/11/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentará mañá martes no Parlamento Europeo a campaña Galicia en negro contra as violencias machistas. A iniciativa, posta en marcha hai tres anos polo Concello de Santiago, chega nesta ocasión a 72 concellos de toda Galicia e case 3.000 establecementos.

Unha delegación formada por máis de 40 persoas de entidades locais e provinciais integradas na campaña están xa en Bruxelas para presentar a campaña a nivel europeo no Parlamento. Será nunha xuntanza ás 10 da mañá deste martes á que asistirán membros da Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero da institución. Marta Lois encargarase de explicar esta iniciativa de sensibilización da sociedade posta en marcha en 2015 na capital galega. Ademais, Lois tamén presentará o Pacto social municipal galego contra as violencias machistas.

Á presentación acudirán eurodeputados e eurodeputadas de diferentes países. Ao rematar a reunión, contra as 11:30 horas, está prevista unha acción de visibilización pública da campaña En negro contras as violencias machistas no exterior do Parlamento Europeo, na explanada que hai diante da entrada principal e na que se usará material da campaña. O obxectivo é que Galicia simbolice na institución comunitaria a repulsa e a loita colectiva contras as violencias machistas nun momento no que ademais esta institución denunciou publicamente as situacións de acoso sexual que sufriron algunhas das eurodeputadas nos últimos anos baixo o cancelo #MeToo.

Concellos contra as violencias
Entre as persoas que viaxan a Bruxelas para participar nesta posta en escena, hai deputadas provinciais das deputacións de Lugo e de Pontevedra, concelleiras e concelleiros, responsables municipais de Centros de Información ás Mulleres e técnicas locais de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Muros, Salceda de Caselas, Rianxo, Ribadeo, Fisterra, Val do Dubra, Lugo, Ames, Cerdido, Ortigueira, As Pontes, Cambre e Becerreá. Estes concellos e outros moitos tinguiranse de negro a semana do 25 de novembro. Previamente, o día 15, asinarase en Compostela un protocolo de colaboración entre todos os municipios participantes.

Segundo os datos da última Macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, un 13% das mulleres residentes no Estado español de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou ex parella; un 26% violencia psicolóxica de control como celos, control de horarios e actividades; e un 20% violencia psicolóxica emocional como insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc. Dende 2003 ata maio do 2017, a Delegación do Goberno rexistrou 53 asasinatos machistas en Galicia e 780 no Estado español.

Campaña nacida en 2015
En negro contra as violencias machistas naceu no 2015 da man do Concello de Santiago, que puxo en marcha a campaña Compostela en negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista. Partindo desta práctica inicial, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social da campaña, no 2016, xa 16 concellos máis uníronse para desenvolveren conxuntamente a campaña En negro contra as violencias. Neste 2017, xa son máis de 70 os concellos adheridos que intentan así situar na axenda política esta loita. Como gran novidade está tamén o salto que darán esta semana ao Parlamento Europeo.

A iniciativa enmárcase dentro das actividades que terán lugar ao longo de novembro para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, 25 de novembro, así instaurado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999 convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

Este ano, a campaña terá unha duración de catro días, do 23 ao 26 de novembro. En Santiago son 500 os establecementos adheridos e o Concello quere tamén animar á veciñanza a que se implique colocando unha bandeirola negra das súas fiestras. Este material poderá recollerse nos catro centros habilitados: Casa das Mulleres "Xohana Torres", CSC do Ensanche e Fontiñas e Casa do Matadoiro.

Direccións relacionadas



Compartir: