XUNTA DE GOBERNO

O Goberno prorroga o gran contrato de mantemento ata novembro de 2018

03/11/2017 A Xunta de Goberno acordou este venres prorrogar o contrato do Servizo de conservación, mantemento e reparación de pavimentos nos viarios municipais de Compostela, excluído o recinto intramuros. Esa prórroga é por un ano de duración, a contar dende o 10 de novembro de 2017.

A prórroga do contrato coa empresa Oviga suporá o investimento de 1,2 millóns de euros no mantemento da rede viaria. En concreto, destinaranse 225.000 euros a actuacións no ámbito do Plan Especial, excluído o recinto intramuros; 275.000 euros ao ámbito rural, e 700.000 euros ao mantemento do ámbito urbano e periurbano.

O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que o Goberno local "licitou por vez primeira este gran contrato, para facer fronte ao mal estado no que se atopaba a rede viaria municipal, despois dun claro déficit de investimentos en mantemento". Ademais, incidiu en que "o obxectivo é habilitar liñas complementarias nos orzamentos de 2018, para completar as actuacións previstas". O rexedor sinalou que "nos próximos meses, os traballos estarán especialmente centrados na reparación de beirarrúas en distintos puntos da cidade".

Centro de Interpretación do Medio Urbano e Natural
O Goberno tamén acordou na súa reunión de hoxe iniciar o procedemento de adxudicación do Servizo de organización e realización do programa de actividades de educación ambiental, atención ao público e visitas guiadas no Centro de Interpretación do Medio Urbano e Natural de Santiago, o CIAC. A contratación farase a través dun procedemento aberto, cun tipo de licitación de case 26.000 euros/ano, IVE incluído.

Outros acordos
Ademais, a Xunta de Goberno resolveu hoxe a convocatoria de subvencións para as asociacións veciñais. Das axudas vanse beneficiar 33 entidades, que recibirán en total 60.000 euros.

Por último, tamén se concretou a convocatoria de novas residencias de creación artística e estadías técnicas para proxectos de artes escénicas na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta. O espazo será utilizado pola compañía Proxecto Pank, do 6 de novembro ao 18 de novembro; por Teatro Baluva do 27 de novembro ao 17 de decembro; e por Kokoharuka do 18 de decembro ao 5 de xaneiro.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: