EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Un simposio abordará o papel da ilustración no fomento da lectura os días 8 e 9 de novembro

03/11/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e o presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Xosé Ballesteros, presentaron o XIV Simposio O libro e a lectura. O libro ilustrado: outra forma de ler?. O encontro celebrarase entre os días 8 e 9 de novembro na Sede Afundación de Santiago. Contará coa intervención de Joan Fontcuberta, teórico da comunicación; Ana Garralón, crítica literaria, ou Teresa Durán, escritora e ilustradora, que impartirán senllas conferencias. Tamén participarán representantes da ilustración, das librarías e da edición, formando parte de tres mesas redondas.

O concelleiro de Educación quixo remarcar que para "o Departamento de Educación e para o conxunto do Concello, este evento que coorganizamos, é un pracer e unha responsabilidade que facemos con moita ilusión". Neste sentido Manuel Dios lembrou a aposta da súa Concellaría polo fomento da lectura a través da Campaña Municipal de Animación á Lectura, que se desenvolve ao longo de cada ano académico.

Ademais de anunciar a XVII edición desta Campaña, o edil tamén deu conta da entrega, o 13 de novembro, do X Premio Internacional Compostela de Albums Ilustrados. "Polo tanto -insistiu- hai un compromiso continuado do Departamento de Educación e do Concello coa cultura, coa literatura e coa ilsutración e a nosa lingua". Tamén agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña neste XIV Simposio O libro e a lectura, que terá como tema central "O libro ilustrado: outra forma de ler?".

O presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Xosé Ballesteros, agradeceu a colaboración do Concello no evento e indicou que este Simposio está na "nosa obriga de devolverlle aos lectores e lectoras algo. A fin de contas, os editores e editoras, cando editamos, pensamos no público lector".

"Neste día a día frenético de catálogos e de pensar o que estamos a facer -sinalou Ballesteros- está ben facer un momento de repouso e convidar ao público e traballadores e traballadoras do mundo editorial a un foro onde se poida falar sobre o nos traballo diario". Non obstante, apuntou que en todo este tempo non se fixera nada arredor do libro ilustrado, unha parte moi importante da edición.

Conferencias e mesas redondas
Este simposio reúne a diferentes expertos e promotores do mundo da ilustración e da edición de libro ilustrado coa finalidade de ofrecer formación sobre o tema ao sector e ao público en xeral. Trátase dun encontro profesional onde se conversará, debaterá e reflexionará sobre o papel das ilustracións no fomento da lectura e na propia concepción editorial do libro.

Tres conferencias e tres mesas redondas vertebran un programa que se inicia o mércores 8 de novembro, ás 16:30 horas. Kiko Dasilva, Cano Paz e Carla Berrocal abrirán as intervencións coa mesa redonda "Falamos de banda deseñada". Seguiralle Joan Fontcuberta, quen intervirá coa conferencia "A furia das imaxes" (18:00 horas).

As sesións continúan na mañá do xoves 9, ás 10:30 horas, coa conferencia "Os álbums que contan o mundo", impartida por Ana Garralón, crítica e especialista en libro informativo e Premio Nacional de Fomento da Lectura en 2016.

Ás 12:00 horas, unha mesa redonda reunirá a Madalena Matoso, editora de Planeta Tangerina e a Diego Moreno, editor de Nórdica Libros. Xa pola tarde, ás 16:30 horas, celebrarase a mesa redonda "Olladas ilustradas", con Xosé Cobas, Ester García e Calros Silvar. Finalmente, Teresa Durán, escritora e ilustradora, pechará as xornadas impartindo a conferencia "Os tres fillos do tsar. A lectura da imaxe, hoxe" (ás 18:30 horas).

As sesións do XIV Simposio da AGE están abertas ao público, que pode inscribirse de balde ata o 6 de novembro no enderezo electrónico s.tecnica@editoresgalegos.org. As persoas que acudan ás actividades programadas recibirán un certificado de asistencia.

Xunto ao Concello e AGE, colaboran nesta xuntanza CEDRO (Asociación de Autores e Editores de Libros, Revistas, Periódicos e Partitura) e a Deputación da Coruña.

Compartir: