POLÍTICAS SOCIAIS

Profesionais de toda a Península reúnense en Santiago de Compostela para abordar a situación das persoas sen fogar

03/11/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou esta mañá en rolda de prensa a II Xornada sobre a situación das persoas sen fogar en Compostela: Recursos Específicos, que se celebrará o vindeiro venres, 10 de novembro, no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela (avenida de Castelao s/n, Campus Norte). A xornada está organizada pola Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde e participada pola Mesa de Traballo para o estudo da situación das persoas sen teito-transeúntes e dos recursos en Santiago de Compostela, coordinada por Isabel Taboada, que acompañou á concelleira na presentación da xornada.

Concha Fernández, explicou que "esta segunda xornada ten como obxectivo continuar coa filosofía da primeira edición, amosando experiencias galegas, estatais e internacionais sobre recursos específicos destinados ás persoas sen fogar, explicados por responsables e persoal técnico de diversas entidades". A concelleira engadiu que, con esta cita, o Concello quere "consolidar na cidade un espazo para o intercambio de experiencias sobre esta problemática".

O público destinatario da xornada serán profesionais e persoal voluntario de institucións e iniciativas relacionadas coa atención a persoas sen fogar, así como estudantes do ámbito social e comunitario. A asistencia á xornada é de balde previa inscrición a través deste formulario ata o 9 de novembro.

O programa da xornada contempla a participación de profesionais de referencia no estudio e asistencia do senfogarismo en distintos puntos da Península. A sesión inaugural correrá a cargo de Albert Sales, coordinador do Plan de Loita contra o Senfogarismo de Barcelona 2016-2020, que falará do traballo en rede que se articula nesta cidade para resolver unha das problemáticas que ocasiona maior vulnerabilidade nas persoas.

Aínda na sesión matinal, presentaranse os recursos que se empregan na atención ás persoas sen fogar noutros puntos do Estado. Íñigo Parga falará dos recursos de baixa esixencia que se empregan no centro de día de Errekalde, en Bilbao; mentres María Rosario Jiménez apuntará propostas cara un cambio de modelo baseándose na súa experiencia como traballadora do Albergue de Zaragoza. A mesa estará presentada e moderada pola psiquiatra da Xerencia de Xestión Integrada do CHUS, Lucía del Río, experta na abordaxe do senfogarismo dende a perspectiva da saúde mental.

A sesión de tarde xirará arredor da estratexia portuguesa para as persoas sen fogar. Paulo Martins, psicólogo no programa Casas Primeiro, xestionado pola AEIPS (Associaçao para o Estudo e Integraçao Psicossocial). Martins presentará a Estratexia de Atención ao Senfogarismo 2017-2020, que acaba de ser presentada en Portugal. A continuación presentaranse os recursos locais que se destinan á atención do senfogarismo en distintas cidades galegas. Nesta mesa estarán Ana María González, tenente de alcalde de Lugo, que presentará o Centro de Atención a Transeúntes; Teresa Regueira, traballadora social do Concello da Coruña, que atende o Centro de Baixa Esixencia en Monte Alto; e Paz Fernández, xefa dos Servizos Sociais do Concello de Vigo e responsable do Albergue Municipal.

Para rematar a xornada, proxectarase a curtametraxe documental Invisibles, elaborada por participantes en proxectos para persoas sen fogar de Cáritas Diocesana de Cádiz e Ceuta; coordinada por Luis Miguel Bulpe e financiada pola Consejería de Sanidad y Bienestar Social da Junta de Andalucía. Ao remate abrirase un debate moderado por Isabel Quintairos, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

As cifras do senfogarismo
Segundo os datos de Cáritas, referidos ao ano 2015, na nosa comunidade hai en torno a 3.600 persoas sen fogar. Algunhas delas poden recorrer á rede familiar ou de amizades para ter un teito mentres non chegan tempos mellores. Outras dispoñen dalgunha prestación que lles permite compartir piso ou alugar un cuarto. Tamén hai quen recorre á okupación para gardarse do frío e a soidade das noites. E finalmente hai persoas que dormen á intemperie ou ao abrigo de portais, escaparates ou caixeiros. A Cruz Vermella, organización que desenvolve en Galicia o programa Sen Teito, que forma parte do Plan Galego de Inclusión Social, atende a unhas 1.300 persoas que viven na rúa en Galicia, tamén segundo datos do ano 2015. A maioría son homes, de nacionalidade española e de entre 35 e 45 anos. Entre os estranxeiros, a maioría proceden de Romanía, Portugal e Marrocos.

A psiquiatra experta en Senfogarismo Lucía del Río advirte que as mulleres son menos frecuentes na rúa, pero están en situacións máis graves porque sofren máis medo, máis agresións sexuais, maternidades non desexadas, abortos e peor saúde mental. No conxunto do Estado, o perfil das persoas sen fogar é o dun home de 58 anos de esperanza media de vida, e uns 42 anos de media de idade. O 50% ten fillos e o 44,5% leva mais de tres anos sen aloxamento propio. O 54% son españois, o 50% busca traballo, o 60% ten estudios de educación secundaria e o 12% estudos superiores. O 50% foi vítima dalgún delito ou agresión, o 20% non ten tarxeta sanitaria e polo menos un 23% ten algún tipo de discapacidade, un dato que se eleva ao 25% en Galicia e que, segundo evidencia un estudo realizado por RAIS Fundación para Fundación ONCE, son cifras cinco veces superiores ás rexistradas entre a cidadanía xeral de idade similar.

A coordinadora da Mesa Sen Fogar de Compostela, Isabel Taboada, explicou que o Concello de Santiago desenvolve un plan de atención en colaboración coas entidades sociais que inclúe unha mesa de traballo e equipos na rúa. Ademais de refuxio ou albergues, tamén se lles ofrece asistencia médica e acompañamento á hora de tramitar axudas. Taboada apuntou que, segundo os últimos datos achegados por Cruz Vermella, neste momento dormen nas rúas da cidade entre 17 e 20 persoas de media cada día, un dato que non se modificou significativamente dende o ano pasado, porque son persoas coñecidas cunha situación que se mantén estable. A coordinadora da Mesa sen Fogar engadiu que ademais aténdense cada día 6 persoas dentro do programa de pensións, polo que pasaron, no que vai de ano, 24 homes e 5 mulleres.

Direccións relacionadas



Compartir: