XUNTA DE GOBERNO

Iniciado o procedemento de contratación da reforma da avenida de Vilagarcía

03/11/2017 A Xunta de Goberno aprobou este venres o inicio do procedemento de contratación das obras de reforma da avenida de Vilagarcía. O proxecto, cun tipo de licitación de case medio millón de euros, aféctalle ao tramo comprendido entre as avenidas de Rosalía de Castro e de Romero Donallo.

O alcalde, Martiño Noriega, mostrou a súa satisfacción "porque por fin se desbloquea un proxecto longamente agardado". A reforma integral da avenida de Vilagarcía foi aprobada e adxudicada xa durante o anterior mandato, en 2015, pero "cando ían comezar os traballos os técnicos advertiron que non se solicitara o informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, preceptivo porque a rúa se atopa no Camiño Portugués". Cando se solicitou, o informe resultou ser desfavorable, e o Concello tivo que redactar un novo proxecto, máis simplificado e respectuoso co Camiño de Santiago. Posteriormente, a Deputación da Coruña, que financia a actuación, obrigou a incluír novos cambios no proxecto, "que agora por fin queda aprobado definitivamente e co obxectivo de comezar as obras nos primeiros meses do ano que vén".

Hangares de Inditex
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordou conceder dúas licenzas a Inditex para a construción de dous hangares no aeroporto de Santiago. O primeiro deles terá unha superficie de 2.250 metros cadrados e suporá un investimento de 1.113.000 euros, mentres que o segundo hangar terá unha superficie de case 1.230 metros cadrados e custará 491.000 euros.

Convenios
Na reunión desta mañá tamén se aprobaron dúas propostas da concelleira delegada de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo relativos a cadanseu convenio. Un deles será asinado coa Deputación da Coruña, para o financiamento do II Fairway-Fórum do Camiño de Santiago. O organismo provincial fará unha achega de 130.000 euros á actividade e Incolsa sumará os 32.500 euros restantes.

O outro convenio xa foi asinado con Cogami para levar a cabo un proxecto de actividades para persoas con discapacidade, ás que o Concello fai unha achega de 15.000 euros.

Ademais, a proposta da concelleira de Mercados, aprobouse o convenio de colaboración coa Praza de Abastos, que supón unha achega municipal de 10.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: