ALCALDÍA

Convocada a XVIII edición dos Premios Manuel Beiras

02/11/2017 O alcalde, Martiño Noriega, e o vicepresidente da Cámara de Comercio, Evaristo Rodríguez, presentaron hoxe a XVIII edición dos Premios Manuel Beiras, de recoñecemento ao uso do galego no sector empresarial. Foi nunha rolda de prensa celebrada na sede da entidade cameral, que este ano leva o peso da organización da convocatoria, na que o Concello e a Cámara de Comercio levan colaborando dende o ano 2000.

O rexedor mostrou o seu desexo de que os Premios Manuel Beiras sirvan para reivindicar que "o uso do galego no sector empresarial non é só un exercicio de resistencia, senón tamén un valor engadido". Martiño Noriega sinalou que "é unha boa noticia que cada ano haxa máis empresas e comercios candidatos a facerse coas distincións, pero é unha mala noticia que convocatorias como esta sigan sendo precisas para normalizar o uso da nosa lingua".

Bases da convocatoria
O obxectivo dos Premios Manuel Beiras é distinguir aquelas empresas que fagan un uso normalizado da lingua galega nas súas actividades comerciais e de comunicación. Convócanse dúas categorías: Empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega, e Empresas que se incorporaran recentemente ao uso da lingua. Tamén se poderá outorgar unha distinción especial ás persoas ou entidades que se destacaran pola súa contribución á normalización da lingua no mundo empresarial.

Para que unha empresa sexa candidata só hai que propoñela, dirixíndose ao Departamento de Lingua do Concello ou ao Departamento de Comunicación da Cámara de Comercio. Calquera pode formular propostas: a propia empresa candidata, unha asociación ou institución ou mesmo unha persoa a título individual.

O prazo para presentar as candidaturas rematará o 11 de decembro. O xurado estará formado por representantes do Concello, a Cámara de Comercio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Universidade de Santiago, unha asociación en defensa da lingua, o Colexio Oficial de Xornalistas, unha asociación de consumidores e os premiados na edición anterior. Está previsto que os nomes dos gañadores se coñezan o 19 de decembro.

Compartir: