TURISMO

Santiago promociónase na feira turística máis importante de Asia

27/10/2017 Turismo de Santiago participou esta semana na ITB Asia, que se celebrou en Singapur do 25 ao 27 de outubro. A ITB Asia é a feira turística máis importante do continente e reúne aos profesionais máis destacados de países como Xapón e Corea do Sur, que son mercados estratéxicos para a cidade. Esta acción de promoción súmase á que se levou a cabo a finais de setembro, cando tamén se participou na Tourism Expo Japan 2017, a mostra de turismo máis importante de Xapón.

Pese as distancias existentes, os mercados xaponés e coreano son moi interesantes para a cidade, porque son mercados cun gran volume de poboación, teñen un alto potencial de crecemento turístico na cidade e son mercados cun gasto por persoa moi superior á media internacional. O obxectivo é captar a un turista cultural de alto nivel económico para poder aumentar a media de gasto por persoa na cidade.

Santiago reúne unha serie de atractivos, como a espiritualidade, a calidade dos peixes e mariscos da gastronomía galega ou o contacto coa natureza no Camiño de Santiago, que converten a cidade nun destino turístico con moito atractivo para ambos mercados que, coas súas diferenzas, buscan destinos nos que se combinen natureza, patrimonio histórico e gastronomía.

A importancia dos mercado xaponés e coreano para Santiago crece ano tras ano, tal como amosan a evolución do número de peregrinos de ambos países. Ambos mercados están vivindo crecementos moi importantes, e en especial no caso de Corea do Sur, que pasou de ter unha presenza testimonial de apenas 18 peregrinos no Ano Santo 2004 a ter xa máis de 4.500 peregrinos no 2016. No caso de Xapón no ano 2016 alcanzouse o máximo histórico, con 1.459 peregrinos e un crecemento do 22% respecto do 2015.

Compartir: