DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O Concello de Santiago deseña un plan de formación multidisciplinar para os postos da Praza de Abastos

27/10/2017 O Concello de Santiago, en colaboración coa Cooperativa da Praza de Abastos, ofrecerá dende o mes de novembro ata febreiro un plan de formación para os praceiros e praceiras do Mercado, no que se estudarán as posibilidades que se abren para os seus negocios en tres campos distintos: a ilustración como ferramenta de promoción, a eficiencia enerxética e o marketing dixital. As persoas interesadas poden participar gratuitamente en todas as accións formativas ou naquelas do ámbito concreto que máis lles interese.

O 11 de novembro, en colaboración co programa Compostela Ilustrada, celebrarase a Xornada "A Praza, corazón de Santiago", na que se amosarán as posibilidades que ofrece a ilustración para a promoción dun negocio. Explicaranse as técnicas para debuxar figuras humanas e para engadir detalles de adorno, como dobres páxinas con produtos, e como seleccionar un titular para acompañar a escena. Con estas técnicas, mirarase o Mercado dende o prisma da ilustración e elixirase un plano para debuxar. As inscricións poden facerse en info@compostelailustrada.com.

O proxecto de mellora enerxética "Rexístrate e aforra enerxía na Praza de Abastos de Santiago!" está dirixido en exclusiva a praceiras e praceiros que teñan o seu negocio na Praza de Abastos de Santiago de Compostela e precisen formación e asesoramento en materia de aforro enerxético. Realizarase a monitorización de consumo enerxético a través de OTEA de 15 postos da Praza de Abastos de Santiago, así como das infraestruturas de servizo xeral do propio Mercado de Abasto.

Esta monitoraxe permitirá obter a cada posto curvas de consumo, detección de consumos innecesarios e propostas de melloras a aplicar para reducir o consumo eléctrico do posto; e tamén conclusións sobre o consumo das instalacións xerais da Praza de Abastos, o que permitirá a adopción de medidas de mellora da xestión enerxética da propia Praza.

Para participar nesta iniciativa, os postos deben solicitar a súa participación no formulario dispoñible na web municipal do Cersia, www.cersiaempresa.gal, e achegar as facturas electrónicas das que se dispoña, así como unha lista dos principais equipos consumidores do posto (iluminación, cámaras, máquinas de frío... incluíndo o modelo de equipo). O prazo para inscribirse ao proxecto de mellora enerxética iniciouse o día 18 de outubro e remata o día 28 de outubro.

Ademais desta iniciativa e para darlle continuidade ao plan de formación deseñado en colaboración coa Praza de Abastos para facilitar a mellora profesional de praceiras e praceiros impartiranse as seguintes accións formativas en materia de marketing dixital:

• 8 de novembro: Obradoiro de Fotografía de Produto para Redes Sociais.
• 15 de novembro: Obradoiro de Visual Merchandaiser e Imaxe. Branding.
• 22 de novembro: Obradoiro de Marketing.
• 29 de novembro: Obradoiro de Redel Sociais.
• 17 de xaneiro: Obradoiro de realización de compañas de publicidade en redes sociais.
• 24 de xaneiro: Obradoiro de realización de mail marketing-newsletter.
• 29 de xaneiro: Obradoiro de innovación en marketing.
• 7 de febreiro: Obradoiro de Deseño de Campaña.

Estas accións formativas están dirixidas preferentemente a praceiras e praceiros, así como a persoas que estean valorando emprender ou por en funcionamento unha nova liña de negocio na Praza de Abastos de Santiago de Compostela. As persoas interesadas poden consultar o programa completo de cada acción e inscribirse dende dez días antes de cada actividade na web municipal www.cersiaempresa.gal. Os cursos serán impartidos na Aula Multiúsos da Praza de Abastos de Santiago de Compostela.

Todas estas iniciativas encádranse dentro do programa Compostela Móvese 2017 de dinamización económica, que ten como principal obxectivo apoiar un modelo de desenvolvemento económico local endóxeno, cooperativo e asentado na identidade e na historia do territorio no que se produce. Búscase asentar os procesos de mellora empresarial e emprendemento nos valores diferenciais do tecido socioeconómico do concello. Compostela Móvese 2017 conta cun orzamento de 235.000 euros, dos que 25.000 se dedican ao programa de dinamización e mellora da competitividade dos mercados do Concello de Santiago de Compostela "Efecto Proximidade".

Compartir: