ACCIÓN CULTURAL

Amal pecha a súa XV edición

27/10/2017 A Semana de Cinema Euroárabe, Amal 2017, finaliza con éxito a edición deste ano, celebrada no Teatro Principal, coa colaboración da Consellería de Cultura e o Concello de Santiago.

O director de Amal, Ghaleb Jaber Martínez, sinalou que esta décimo quinta edición contou con varios miles de espectadores ao longo de toda a semana. "A espectacular asistencia de público e a confianza demostrada por parte dos directores árabes confirman a necesidade deste evento cinematográfico e consolídano como a fórmula máis efectiva para crear unha ponte de culturas, un diálogo real entre occidente e o mundo árabe destinado a crear un mundo mellor e combater o medo que nos separa", indicou.

Jaber Martínez comentou que esta edición foi especial, ao ter a honra de acoller a estrea en España de tres producións, Letters from Baghdad, Wajib e Cairo Jazzman. Ademais, o director destaca que o festival contou cun público transversal e moi diverso, dende persoas maiores e veciños de Santiago e novos estudantes universitarios e erasmus, ata persoas doutras culturas, moitas delas árabes. E o seguinte obxectivo, segundo Jaber Martínez, será seguir expandindo Amal en ruta por Galicia e mesmo traspasar as fronteiras ao resto de España e Latinoamérica.

Un bo plan para a noite do venres
Amal 2017 chega este venres ao seu fin coa proxección das películas Cairo Jazzman, Headbang Lullaby e Os cabalos de Deus.

A sesión das 20:00 horas (2 euros) é un fermoso documental político musical de produción alemá, Cairo Jazzman, dirixida este 2017 por Atef Ben Bouzid.

A trama conta como o apaixonado Amr Salah, un compositor e músico de jazz exipcio, tenta organizar o Cairo Jazz Festival. Esta será unha empresa arriscada, non só pola súa limitada experiencia, senón tamén polo clima social cada vez máis intolerante. O filme convértese nun retrato atmosférico da capital exipcia. Atef Ben Bouzid é un director e produtor alemán que comezou a súa carreira como xornalista de Euronews, AFP e ARD. Vive e traballa en Berlín. Cairo Jazzman é o seu debut como director.

Enfrontamentos sociais e históricos do pobo marroquí
Ás 22:00 horas será a quenda de Headbang Lullaby, unha produción creada por Francia, Líbano, Catar e Marrocos en 2017 e dirixida por Hicham Lasri (3 euros). Conta como o 11 de xuño de 1986, despois de que Marrocos fixese historia futbolística ao derrotar inesperadamente a Portugal no Mundial de México, o oficial Daoud recibe a orde de vixiar unha ponte nos arredores de Casablanca que pasa por encima dunha autoestrada deserta e une a dúas comunidades hostís, xa que poderían recibir a visita do rei Hassan II. Alí, Daoud terá que lidar coas particulares poboacións locais, así como facer fronte ás vítimas das revoltas do pan de 1981, nas que participou como garda do goberno. A cinta aborda os temas da historia e o pobo marroquí, os seus enfrontamentos sociais e históricos, así como a natureza da relación entre as institucións e o pobo.

A conversión de mozos en terroristas
E para pechar o festival, mañá celebrarase sesión golfa (2 euros), ás doce da noite, coa película Os cabalos de Deus, dirixida por Nabil Ayouch e coproducida por Bélxica, Francia e Marrocos en 2012. Baseada na novela As estrelas de Sidi Moumen, de Mahi Binebine, a cinta traza a biografía ficcional dos membros da célula terrorista que provocaron unha onda de atentados o 16 de maio de 2003 en Casablanca. A longametraxe documental mostra en clave realista o proceso de alienación e conversión en potenciais terroristas de mozos procedentes de contornas sociais conflitivos, abandonados á súa sorte.

Durante case dúas horas nárrase a historia de dous irmáns que evolucionan ata converterse en mártires pola fe islámica. O título fai referencia á frase "Voade, cabalos de Deus", coa que o profeta Mahoma convocaba á Yihad, agora reinterpretadas por certas células. O filme foi exhibido na sección oficial a concurso Un Certain Regard do Festival de Cannes en 2012, onde conseguiu o Premio François Chalais e recibiu varios galardóns como a Espiga de Ouro á mellor película no Festival de Valladolid- Seminci, o premio MovieZone do Festival de Róterdan e o Lumière á mellor película estranxeira de fala francesa en 2014.

Compartir: