XUNTA DE GOBERNO

Iniciada a licitación das obras de restauración do itinerario fluvial do Sarela

27/10/2017 A Xunta de Goberno iniciou hoxe o procedemento de adxudicación das obras de restauración e mellora do itinerario fluvial "De ponte a ponte polo río Sarela". A actuación ten un tipo de licitación de case 90.000 euros.

A actuación é posible grazas ao convenio asinado entre o Concello e o Consorcio, polo que a Administración local achegará algo máis de 61.000 euros para a execución do proxecto e o Consorcio os 26.000 euros restantes.

O proxecto aféctalle a un tramo de 3,8 quilómetros nas marxes do río Sarela, dende Figueiriñas ata Pontepedriña de Arriba. A intervención pretende consolidar o paseo fluvial e a ruta de sendeirismo existente, restaurando o pavimento e tamén as pontes existentes no treito. Tamén se instalarán novos elementos, como varandas de seguridade, mellorarase a sinalización e procederase á limpeza dos lavadoiros públicos da contorna. Esta actuación forma parte do proxecto global Sendeiros de Compostela, e o seu obxectivo final é unir este sendeiro co que se vén acondicionando nas Brañas de Sar.

Obras no Cruceiro da Coruña
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordou iniciar a licitación das obras de rexeneración do pavimento da calzada da vía de servizo Este (marxe pares) da avenida do Cruceiro da Coruña. Este proxecto ten un tipo de licitación dalgo máis de 250.000 euros. Estas obras completan a mellora dos viarios de servizo do Cruceiro da Coruña, despois de que a finais de 2016 se reparara o viario da marxe oeste. Daquela investíranse na actuación preto de 150.000 euros.

Subvencións
A proposta da concelleira delegada de Igualdade, a Xunta de Goberno aprobou a resolución da convocatoria de subvencións para o fomento de actividades a prol da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero. Serán doce as entidades que se beneficien destas axudas, que ascenden a un total de case 25.000 euros.

Ademais, a Xunta de Goberno acordou aceptar a subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación de cinco traballadores. Esa axuda ascende a 41.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: