ALCALDÍA

Martiño Noriega demanda seguir avanzando na mellora da calidade de vida e da visibilización das persoas con dano cerebral

27/10/2017 O alcalde de Santiago participou na clausura do acto de celebración do décimo aniversario da Federación Galega de Dano Cerebral, FEGADACE. Na cerimonia, Martiño Noriega felicitou a entidade pola súa efeméride e estendeu os seus parabéns ao actual presidente, Luciano Fernández, e a José Balboa, "impulsor dos primeiros proxectos que implicaban a visibilización das persoas con dano cerebral e das súas familias". De maneira conxunta, o rexedor tamén felicitou a cada unha das cinco asociacións que integran a Federación, porque "que é mérito de todos e todas que poidamos celebrar este aniversario".

Durante o seu discurso, Martiño Noriega tivo tamén un recordo para o doutor Miguel Blanco, "que dedicou a súa vida profesional ao estudo e tratamento dos ictus. Non puido ser máis acertada a decisión de FEGADACE de darlle o seu nome aos premios da Federación, que el mesmo recibiu no seu momento". O alcalde tamén felicitou á xornalista deportiva María Escario, quen recibiu o V Premio Miguel Blanco, por ter demostrado a súa valentía á hora de afrontar publicamente o ictus e a fortaleza mostrada como muller con potenciais secuelas en forma de dano cerebral adquirido. "María Escario xa era merecedora da nosa admiración polo seu labor profesional, polo feito de ser muller nun espazo que, cando ela empezou a súa traxectoria, estaba reservado principalmente aos homes", engadiu. A xornalista non puido recoller persoalmente o premio, pero enviou un vídeo de agradecemento.

O rexedor apuntou que o mérito de que o dano cerebral adquirido estea máis visibilizado "é mérito de todos e de todas, e tamén de que os responsables das administracións estean máis sensibilizados e atentos ás necesidades tanto de doentes como dos seus familiares". Isto implica, dixo, que "as persoas afectadas teñan hoxe unha mellor calidade de vida que hai unha década".

Martiño Noriega tivo tamén palabras para lembrar que hai un ano "tiña a honra de participar na inauguración da nova sede de Sarela. Sei que foi un momento importante para asociación compostelá e para o seu presidente José Balboa". Ademais, "sei o cambio que supuxo para os doentes contar con esas instalacións, pensadas para atender unhas necesidades moi específicas e con persoal moi especializado. Esa nova sede foi posible á implicación de diferentes administracións de diferentes cores políticas", explicou.

Finalmente, incidiu na necesidade de continuar avanzando na mellora da calidade de vida e visibilización das persoas con dano cerebral. "Segue faltando moito, pero por sorte, tamén sobran persoas con forzas de abondo para loitar pola súa situación persoal e pola dos demais. Iso, en definitiva, é o que celebramos hoxe, que hai dez anos, houbo quen decidiu sumar esforzos por unha causa xusta", concluíu o alcalde.

Compartir: