CENTROS SOCIOCULTURAIS

A proxección de "Dreaming Nicaragua" completa a exposición sobre este país do CSC de Fontiñas

26/10/2017 O Centro Sociocultural de Fontiñas acolle ata o próximo 31 de novembro a exposición Nicaragua. O Futuro, organizada grazas á colaboración entre o Concello de Santiago e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A mostra reúne as imaxes do fotógrafo brasileiro asentado en Vigo Felipe Carnotto.

O fotoxornalista viaxou a Nicaragua como gañador da segunda edición do certame Imaxes con Fondo, convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade. Alí, visitou os proxectos aprobados por esta entidade e recolleu nas súas instantáneas a vida cotiá, as paisaxes e as problemáticas da poboación. Na exposición pódense ver 20 fotografías, acompañadas por catro paneis informativos sobre os proxectos que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está a desenvolver en Nicaragua.

Proxeccións
Para completar a exposición, mañá vaise proxectar no CSC de Fontiñas o documental Dreaming Nicaragua, producido pola Fundación Fabretto. O filme relata a situación de extrema pobreza que se vive no país, e que lle afecta especialmente aos nenos e nenas. A proxección será ás 18:30 horas.

Está previsto que Dreaming Nicaragua se poida ver tamén o 16 de novembro no CSC de Santa Marta, ás 19:30 horas; e no CSC José Saramago de Vite, o 24 de novembro ás 19.00 horas.

Compartir: