FACENDA

O Goberno habilita unha liña complementaria para os Orzamentos Participativos 2018

26/10/2017 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, deu conta hoxe dunha corrección de erros no proceso de Orzamentos Participativos, que afectou á fase final do mesmo.

María Rozas explicou que "se trata dun erro na puntuación dos votos, en urna" de tal xeito que, "cando se volcaron na plataforma informática non se lles asignou o valor que debía". A empresa adxudicataria do contrato deu conta do erro tras o proceso de verificación posterior e o control de calidade do mesmo.

O resultado final do proceso é que se incorporan catro propostas novas, reducen o seu orzamento outras dúas e unha proposta, a dos parques biosaudables, cae do proceso de orzamentos participativos. Así, entrarían en festas o festival folk e o teatro na rúa; na zona sur a cuberta de usos múltiples e no rural sur as marquesiñas para bus escolar.

Complementario
Por iso, o Goberno incorporará unha liña complementaria para os Orzamentos Participativos ata sumar a cantidade que se ve reducida por esta corrección de erros. Así, "consignaremos no orzamento de festas do 2018 un total 37.000 euros para completar a proposta do festival ao aire libre do auditorio e outros 106.053,96 para a senda peonil ciclable pola lagoa de Cornes".

Para a proposta que cae do proceso de Orzamentos Participativos, o Goberno incorporaraa como propia cun orzamento de 7.000 euros. Segundo indicou María Rozas, trátase dunha solución "que encaixa moi ben co ADN do proceso de Orzamentos Participativos, xa que unha das señas de identidade do mesmo é coñecer cales son as principais demandas da cidadanía".

A concelleira xa lle trasladou estes resultados finais aos voceiros da oposición, así como as asociacións veciñais. Ademais, darase conta desta corrección de erros na Comisión de Seguimento do proceso de Orzamentos Participativos convocada para a semana que vén, na que tamén se tratarán outros asuntos ordinarios.
Tamén avanzou Rozas que se lle abrirá un expediente á empresa adxudicataria para aclarar o acontecido nesta fase final. "O prego recolle posibles sancións que terá que determinar o persoal técnico do Concello", indicou.

Compartir: