IGUALDADE

Continúan os preparativos de "En negro contra as violencias" cunha xuntanza de traballo no Matadoiro

25/10/2017 A concelleira de Igualdade, Marta Lois, asistiu esta tarde a unha xuntanza de traballo no Matadoiro, no que se quixo reunir a todas aquelas persoas que, a título particular, queren colaborar coa campaña de sensibilización contra as violencias machistas En negro contra as violencias.

O obxectivo desta reunión pasa por dotar de maior protagonismo aos veciños e veciñas de Compostela para que se convertan en altofalantes da campaña e poidan aportar novas ideas no ámbito cultural, educativo, asociativo, comercial...

En negro contra as violencias contará este ano con máis de 50 concellos adheridos e tres deputacións, que se vestirán de loito a semana do 25 de novembro.

Dende o ano 2015
Esta campaña naceu en novembro do 2015 como unha forma de visibilizar a lacra que supón a violencia machista na nosa sociedade. Con esa premisa xurdía Compostela en negro, a través da cal máis de 300 comercios se tinguiron de negro na nosa cidade durante a semana do 19 ao 25 de novembro.

Debido ao éxito da campaña -grazas ao interese e á implicación das entidades, comercios e establecementos que participaron- dende o Concello de Santiago tomouse a decisión de ampliar Compostela en negro e estendela a outros concellos de Galicia. Así, en 2016 foron 17 os municipios que se sumaron, localidades das catro provincias galegas e de todas as cores políticas: A Coruña, Allariz, Ames, Cangas, Carballo, Compostela, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas.

No caso de Compostela, pasouse de 326 a 500 establecementos e entidades adheridas, entre as que se atoparon entidades deportivas, hoteis, cafeterías... e tamén a propia Catedral de Santiago, que colocou unha gran faixa na zona central.

Compostela en negro pasaba entón a chamarse En negro contra as violencias e un total de 2.737 establecementos e entidades de toda Galicia tinguíronse de negro sumándose á campaña. Para aqueles concellos que non asistiron e queiran recibir máis información ou participar, poden enviar un correo ao enderezo electrónico territoriodasmulleres@santiagodecompostela.gal.

Compartir: