EDUCACIÓN E MOCIDADE

Talleres variados, cine de terror e contacontos para celebrar o Samaín

25/10/2017 A concelleira de Mocidade, Noa Morales, presentou este mércores as actividades para celebrar o Samaín en Santiago, organizadas polas concellarías de Educación e de Mocidade. Entre as propostas figuran proxeccións de cinema, talleres de maquillaxe e fantasía ou de tallado de cabazas e contacontos.

Son cinco as actividades principais programadas para este Samaín, "pensadas tanto para os máis pequenos como para a mocidade, porque era o espectro que queriamos recoller", indicou Noa Morales. A primeira destas propostas será a proxección do filme de terror It do ano 1990. Será no Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga, o luns 30 de outubro, ás 21:00 horas. A actividade é aberta e de balde ata completar aforo.

Ao día seguinte, martes 31, tamén no Centro Xove da Almáciga, Estudio 1917 impartirá un taller de maquillaxe, fantasía e efectos especiais. Será de 19:00 a 21:15 horas e está destinado a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos. Para esta actividade haberá que inscribirse previamente no Centro Xove. Terán preferencia as persoas empadroadas en Santiago, aínda que se poderá inscribir calquera ata completar prazas.

O mesmo martes, ás 19:00 horas e no Centro Sociocultural do Ensanche, haberá unha unha charla tiutulada De Samaín a Halomaín, sobre as orixes da celebración do Samaín e o labor de recuperación desta tradición. Esta actividade é de balde e ata completar aforo.

A xornada continuará ás 21:30 horas de novo no Centro Xove da Almáciga, onde se celebrará unha sesión de contacontos baixo o título Que morro!. O fiador desta actividade será Caxoto, da Trastenda dos Contos. Destinada a todos os públicos, a actividade é de balde ata completar aforo.

Xa este venres 27 de outubro, ás 18:00 horas, no CSC do Ensanche, os máis pequenos e pequenas (ata os 12 anos) poderán participar en talleres de tallado e caracterización de cabazas do Samaín. Para poder participar hai que inscribirse chamando ao 981 543 001. E o día 31 haberá outro taller na praza do Toural, tamén ás 18:00 horas, pero neste caso sen inscricion previa. En ámbalas citas, os/as participantes deberán levar a súa cabaza.

Documentos relacionados



Compartir: