ALCALDÍA

Presentadas as actividades municipais de normalización lingüística para os centros escolares de primaria

25/10/2017 O Departamento de Lingua do Concello de Santiago presentou aos centros de primaria do municipio as propostas de normalización lingüística para o curso 2017-2018. O concurso de cartas de Nadal, o certame de regueifas, un obradoiro de portugués ou unha nova edición do Conto viaxeiro son algunhas das propostas.

Á xuntanza informativa asistiron responsables dos CEIPs de Vite, Roxos, Lamas de Abade, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas, e Pío XII, así como do CEE Manuel López Navalón. Tamén estiveron representados os colexios Vilas Alborada, Peleteiro, Xuventude, San Xorxe, A Milagrosa, San Paio-Enma; as Escolas Católicas e a ANPA do Lamas de Abade.

O catálogo de propostas para a normalización lingüística no uso do galego, presentouse ás direccións dos diferentes centros educativos do concello de Santiago. Entre as actividades descritas figuran uns obradoiros de portugués que se celebrará entre o 2 de novembro e o 15 de decembro. Quérese que os nenos e nenas vexan o valor do galego como parte dun sistema lingüístico universal e que poidan comprender lectiva e oralmente o portugués. Os obradoiros serán de 100 minutos á semana.

Para animar aos pequenos e pequenas á escrita en galego, organizarase un ano máis o concurso de cartas de Nadal. Os papeis para redactar as misivas serán repartidos polos centros e recollidos o penúltimo día antes das vacacións de Nadal.

O certame Enreguéifate potenciará a divulgación e coñecementos sobre a regueifa como ferramenta de comunicación. Para iso fomentarase a aparición ou acondicionamento de lugares para a regueifa.

Outra proposta que se vén repetindo cada ano é O conto viaxeiro, que pretende achegar o alumnado ao uso literario da lingua, tanto de maneira oral como escrita, ademais de crear espazos lúdicos. Esta actividade está dirixida a cursos de entre 1º e 4º de primaria.

Na presentación non faltou a iniciativa Apego, coa que se busca incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego como lingua vehicular dende os primeiros meses. Cómpre lembrar que baixo ete programa agrúpase tamén toda a programación municipal en galego para nenos e nenas e as súas familias.

Por último, tamén se deu conta de Atopando Compostela, un xogo de mesa para ir aprendendo a toponimia da cidade grazas a un taboleiro onde se poderán situar as diferentes rúas, fontes e lugares de Compostela.

Máis información sobre estas propostas no Departamento de Lingua Galega, a través da dirección de correo electrónico dlg@santiagodecompostela.gal ou do teléfono 981 542 409.

Compartir: