ALCALDÍA

O Concello lembra a José Antonio Souto Paz, primeiro alcalde da democracia

24/10/2017 O Concello de Santiago, en colaboración coa USC, lembrou hoxe a figura de José Antonio Souto Paz, primeiro alcalde da cidade na democracia falecido no pasado mes de setembro. Foi nun acto celebrado no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, ao que asistiron os familiares do homenaxeado, algúns dos que foran os seus compañeiros na primeira Corporación democrática, ex alcaldes e ex concelleiros, representantes da Universidade de Santiago, e membros da actual Corporación municipal.

O acto pretendía lembrar a figura de Souto Paz, non só como alcalde, senón como decano da Facultade de Dereito. Por iso, de pronunciar a súa laudatio encargouse quen hoxe ocupa ese posto, Gumersindo Guinarte. Tras del, interviñeron o amigo persoal de Souto Paz e catedrático de Cirurxía Joaquín Potel, e o ex alcalde Xerardo Estévez, que fora concelleiro na primeira Corporación democrática presidida polo homenaxeado.

Orgulloso de ser compostelán
Malia a viviren en Madrid, ao acto non faltaron a viúva e os fillos e fillas de Souto Paz. No seu nome, na homenaxe interveu Marta Souto Galván, que lembrou a súa infancia en Santiago e recordou o orgullo do seu pai de ser galego e compostelán. Tamén recordou a inauguración da rúa que leva o nome de Souto Paz, en 2013, e agradeceu que seu pai puidera comprobar en vida o aprecio que lle tiña a cidade.

Ese aprecio percíbese especialmente na Universidade de Santiago, representada no acto de hoxe polo reitor. Juan Viaño reivindicou os logros de Souto Paz na Facultade de Dereito, da que foi decano en dúas ocasións.

Exemplo de diálogo e pluralidade
O encargado de pechar o acto de homenaxe foi o alcalde de Santiago, que recoñeceu que se sente identificado na figura de Souto Paz en varios aspectos, "como o feito de que ambos conseguimos nas eleccións municipais a cifra exacta de 11 edís, e por iso ambos tivemos que exercer o diálogo, o debate de ideas, a argumentación como combate á imposición". Martiño Noriega lembrou que Souto Paz "foi alcalde dunha Corporación diversa e plural, e sobre todo exerceu de compostelán, reivindicando recursos externos como o Real Padroado".

O alcalde incidiu en que "estamos hoxe diante de momentos convulsos, emocionantes dende o político, igual que estaban hai case 40 anos. Naquela altura tiñan todo por facer, unha democracia por construír, e así o fixeron. Esperamos ser tan capaces como foron eles".

Compartir: