ALCALDÍA

Santiago acolle unhas xornadas de traballo do proxecto Smarter Together

25/10/2017 O alcalde, Martiño Noriega, inaugurou esta mañá as xornadas de traballo do proxecto europeo Smarter Together que se celebran hoxe e mañá na capital galega. No encontro, que se está a desenvolver no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns de Belvís, participan representantes de Lyon, Munich e Viena, as cidades "faro" do programa; e tamén das chamadas "cidades seguidoras": Sofía, Venecia e Santiago. Ademais, ao encontro acudiron como invitados representantes do Concello de Barcelona e do EnergyLab.

O alcalde salientou o obxectivo do programa Smarter Together de "empoderar á veciñanza para que poida repensar, decidir e co-crear a súa cidade a través da participación". Martiño Noriega sinalou que "ser intelixente significa conservar o legado da historia para o futuro das seguintes xeracións, a partir dunha aposta decidida pola sustentabilidade patrimonial e ambiental, como a que fai o proxecto europeo".

"Xuntos somos máis intelixentes"
O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que o proxecto Smarter Together estase a centrar na procura de medidas de eficiencia enerxética para a redución de emisións contaminantes. Jorge Duarte apuntou que as cidades implicadas están traballando en diferentes eixos temáticos "que van desde a mellora da participación cidadá á implantación da calefacción de distrito, pasando pola mobilidade sustentable".

O edil recoñeceu que hai cuestións nas que Santiago está especialmente interesado en coñecer experiencias doutras urbes "como a calefacción de barrio con enerxías renovables", e apuntou que Compostela xa está dando pasos noutras cuestións como "a aposta por un modelo de mobilidade máis sustentable e intelixente". Duarte explicou que todas as medidas se queren adoptar desde unha aposta pola participación da cidadanía, e de aí o lema do proxecto Smarter Together, "Xuntos somos máis intelixentes".

Obxectivos coincidentes coa EDUSI
Ao longo da xornada de traballo, representantes do Concello de Santiago explicarán as iniciativas que se están a impulsar e que teñen obxectivos coincidentes co programa Smarter Together. Así, a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, adiantou na inauguración as liñas nas que se base a EDUSI de Compostela, que se está empezando a implementar grazas a unha achega europea de dez millóns de euros. A edil explicou que a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado tamén pretende acadar "unha Compostela máis sostible, máis eficiente na xestión dos recursos, máis habitable e máis inclusiva". Eses obxectivos plasmaranse en accións concretas relacionadas coa mobilidade, a modernización da administración, a mellora dos espazos públicos ou o coidado do patrimonio ambiental da cidade. Tamén se aplicarán medidas para reducir o consumo enerxético, unha das liñas de traballo do programa europeo Smarter Together.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia dará conta do PAES, o Plan de Acción para as Enerxías Sostibles, "co que o Concello pretende reducir nun 40% as emisións contaminantes no ano 2030". Para iso, segundo apuntou Xan Duro, poranse en marcha medidas para lograr o aforro enerxético en edificios e equipamentos municipais, no alumeado público, no eido dos transportes e mesmo na xestión dos residuos.

Smarter Together
O proxecto europeo Smarter Together ten como obxectivo mellorar a calidade de vida nas cidades a través das tecnoloxías intelixentes. As áreas de traballo nas que se está a desenvolver a estratexia son: plataforma integrada de datos, participación e compromiso cidadán, rehabilitación enerxética en edificios, mobilidade sostible, e "district heating" e enerxías renovable.

Compostela é socio do Smarter Together como cidade "seguidora", xunto con Venecia e Sofía. O proxecto está liderado polas chamadas "cidades faro": Lyon, Munich e Viena, que será onde se poñan en marcha ao longo de cinco anos as accións financiadas con 29 millóns de euros de fondos europeos do programa Horizon 2020.

Compartir: