ACCIÓN CULTURAL

A resistencia da mocidade de Gaza a través do surf, tema do documental protagonista dunha nova xornada de Amal

24/10/2017 A Semana de Cine Euroárabe, Amal 2017 chega este mércores ao seu ecuador coa proxección dos filmes Gaza Surf Club e Alí, a cabra e Ibrahim no Teatro Principal.

Ás 20:00 horas (2 euros) exhibirase o documental Gaza Surf Club, una produción palestino alemá dirixida en 2016 por Philip Gnadt e Mickey Yamine. En 87 minutos, o documental narra a vida duns mozos atrapados na prisión ao aire libre más grande do mundo, Gaza, e gobernados pola guerra, unha nova xeración que se lanza ás praias. Fartos da ocupación e do bloqueo, atopan a súa válvula de escape nas olas do Mediterráneo: son os surfeiros de Gaza.

Gaza é unha franxa de terra cunha poboación de 1,7 millóns de cidadáns, atrapados entre Israel e Exipto e practicamente illados do mundo exterior. Ten 42 quilómetros de costa cun porto que xa non dá servizo aos barcos. Case nada entra a Gaza, e menos aínda sae. A xeración moza de alí está medrando con moi poucas perspectivas: desocupada e sen traballo. Pero neste contexto, hai un pequeno movemento. Os protagonistas do documental son parte da comunidade de surf da cidade de Gaza.

Preto 40 táboas de surf foron traídas ao país nas últimas décadas con grande esforzo e a pesar das estritas sancións. Son esas táboas as que lles dan a oportunidade de experimentar unha pequena porción de liberdade, entre o recordatorio costeiro dunha realidade deprimente e a fronteira mariña de 6 millas controlada polos israelís.

Mickey Yamine é un produtor, director e escritor exipcio, que se trasladou a Alemaña cando tiña 18 anos. A súa ópera prima, Tropic of fear, obtivo unha mención honorífica no Festival de Locarno e foi emitida na televisión alemá. Philip Gnadt é un director alemán, que funda Substanz Filme en 2003. Traballa como director independente de películas corporativas e documentais.

A maldición da cabra
No pase das 22:00 horas (3 euros), o Teatro Principal acollerá a proxección da comedia Alí, a cabra e Ibrahim. Trátase da primeira longametraxe de ficción dirixida por Sherif El Bendary en 2016, e narra as aventuras de dous amigos, Ibrahim, enxeñeiro que sófre de acúfenos, e Alí, secretamente namorado da súa cabra, porque cree que a alma da súa noiva reencarnouse no animal. Xuntos emprenden unha viaxe terapéutica, de amizade e descubrimento, con intención de dar a volta á maldición, que os levará de Alexandría ao monte Sinaí e que revolucionará as súas vidas.

Sherif El Bendary é un director emerxente exipcio que naceu no Cairo en 1978. Graduouse na Facultade de Artes Aplicadas en 2001 e en Dirección Cinematográfica no Instituto Superior de Cine do Cairo, onde agora ensina dirección.

Hijas de Agar
Para completar as actividades de Amal’17, mañá mércores presentarase o libro Hijas de Agar (El Desvelo Ediciones, 2017), da escritora, tradutora e periodista Pilar Salamanca (Valladolid, 1958). O acto celebrarase ás 11:00 horas no Hotel Eurostars Araguaney e estará presentado polo guionista profesional Eligio Montero.

A novela narra a historia de catro mulleres da mesma familia. A historia é unha vinganza que empeza en Exipto durante os años da construción do Canal de Suez e que acaba no Cairo, despois do triunfo da revolución dos Coroneis, coa nacionalización do Canal.

Direccións relacionadas



Compartir: