ALCALDÍA

O Concello presenta as súas actividades de normalización lingüística aos centros de ensino de secundaria

24/10/2017 O Departamento de Lingua do Concello de Santiago reuniuse cos directores dos centros de ensino secundario composteláns. O motivo foi a presentación dunha serie de actividades para fomentar o uso do galego en diferentes ámbitos, tanto no seu uso formal como informal. As propostas que deseñou o Concello van dende accións nas redes sociais a actividades como certames de regueifas e debates sobre a lingua.

Na reunión participaron representantes dos IES da Pontepedriña, Xelmírez II, Lamas de Abde, San Clemente, Xelmírez I, Antonio Fraguas e Fontiñas. Tamén estiveron representados os colexios Peleteiro, San Paio-Enma e Compañía de María, así como a ANPA do Eduardo Pondal.

Unha das propostas é a participación nunha nova edición do Club de Debate, actividade coa que se pretende incitar ao pensamento crítico sobre a realidade da lingua galega. Ademais, búscase a práctica do traballo en equipo e a tolerancia con opinións diverxentes. As inscricións rematan o 30 de novembro e a final celebrarase na comarca de Ferrol o 5 de maio de 2018.

Haberá tamén obradoiros de portugués que permitan valorar o galego como parte dun sistema lingüístico universal, ademais de facilitar a lectura en portugués e as correspondencias fonéticas dunha e doutra lingua. Estes obradoiros impartiranse entre os días 2 de novembro e 15 de decembro, terán unha duración de 100 minutos e serán impartidos nos centros en áreas que conten con proxector.

Tamén se celebrará unha nova edición de Enreguéifate, unha proposta para divulgar o coñecemento da regueifa entre a xente máis nova. Estes obradoiros de 90 minutos realizaranse no segundo trimestre do curso. Seguiralle un certame de regueifas en vídeo.

Outra actividade que repite é Youtubeiros, para a creación de vídeos na rede sobre opinións ou tutoriais. A particpiación estará aberta do 1 de decembro ao 15 de marzo.

Máis información sobre estas propostas no Departamento de Lingua Galega, a través da dirección de correo electrónico dlg@santiagodecompostela.gal ou do teléfono 981 542 409.

Documentos relacionados



Compartir: