ACCIÓN CULTURAL

As Xornadas de Ilustración Urbana achegan o debuxo a todos os públicos

24/10/2017 Do 10 ao 11 de novembro, o Auditorio de Galicia acollerá a primeira edición das Xornadas de Ilustración Urbana, un ciclo de conferencias a cargo de artistas referenciais da ilustración actual que a Concellaría de Acción Cultural desenvolve en colaboración coa Deputación da Coruña.

As Xornadas nacen no ano 2017 como extensión da iniciativa Compostela Ilustrada e co albo de facer "partícipe á toda a cidadanía da experiencia e da práctica do debuxo como forma de expresión e de manifestación do pensamento, do mesmo xeito que o son na actualidade a fotografía ou a escritura". Así o anunciou esta mañá a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, na rolda de prensa de presentación das Xornadas que tivo lugar na Casa do Concello e na que participaron tamén a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e a coordinadora do ciclo, Gemma Sesar. Novoneyra explicou que as Xornadas se dirixen a un público aberto, sen necesidade coñecementos sobre ilustración e indicou que a participación nas mesmas é gratuíta sen requirimento de inscrición previa.

O acto de inauguración das Xornadas de Ilustración Urbana, programado para o venres 10 de novembro ás 16:00 horas , dará paso a seis sesións de conferencias, distribuídas nas tardes de venres e sábado, por conta do mestre Munehiro Ikeda, Santiago Ríos, Isabell Seidel e Blanca Escrigas, Jorge Arranz, Joaquín González Dorao e Lapin. Ademais, durante as xornadas, o artista e calígrafo Mr. Zé realizará en directo unha obra plástica sobre o Códice Calixtino, mesturando caligrafía e ilustración.

Goretti Sanmartín, destacou a aposta desta actividade por unha maior presenza e visibilidade das mulleres artistas. Salientou, neste senso, a conferencia das ilustradoras galegas Isabell Seidel e Blanca Escrigas arredor da súa experiencia no proxecto Camiña | Camiño, De Porto a Santiago, unha ruta ilustrada do Camiño Portugués da Costa na que tamén participaron as artistas portuguesas Fernanda Lamela e Teresa Ruivo.

Ao tempo, a vicepresidenta da Deputación puxo en valor a importancia de traballos que, na liña do autor francés Lapin, fan bo uso da imaxe como elemento reivindicativo na loita contra a perda de identidade dos barrios, e subliñou o interese desta iniciativa, que convida a "superar o turismo dunhas horas e ir cara a un novo esquema, pois a cidade hai que tripala, e os camiños andalos".

Pola súa parte, a coordinadora das xornadas, Gemma Sesar animou a veciñanza interesada no debuxo a achegarse ás sesións para coñecer a súa práctica da man de ilustradoras e ilustradores de primeiro nivel e asistir á maneira na que elas e eles se enfrontan a unha temática e resolven problemas creativos.

Venres 10
Na primeira xornada, o venres 10 de novembro, ás 16:30 horas, o mestre Munehiro Ikeda impartirá a conferencia Peregrino Ilustrado: O Camiño de Santiago en España. O mestre Munehiro Ikeda é un dos artistas máis recoñecidos do Xapón. Malia que se considera fundamentalmente escultor, practica tamén outras disciplinas artísticas como a pintura e o debuxo. Gran coñecedor e difusor do Camiño de Santiago, realizou dos anos 90 o primeiro caderno de viaxes do Camiño Francés, co obxectivo de estudar a arte románico. A obra resultante, de máis de 400 páxinas, dá conta ilustrada da súa experiencia como peregrino e está dispoñible no Museo das Peregrinacións.

A continuación, ás 17:45 horas, vez para Santiago Ríos e Os meus debuxos en concertos. Enxeñeiro e pintor autodidacta, o zaragozano Santiago Ríos leva máis de 20 anos debuxando formacións musicais en concertos ao vivo e vén de publicar un libro, Mis dibujos en conciertos, no que recolle as acuarelas que realizou nese periplo. O financiamento da obra realizouse a través dunha campaña de micro-mecenado e os seus beneficios foron doados á Fundación Centro de Solidaridad de Zaragoza –Proyecto Hombre. Na súa intervención durante as xornadas falará do seu xeito de entender a música e a pintura, as súas dúas paixóns.

Pecharán a xornada do venres, ás 19:00 horas, Isabell Seidel e Blanca Escrigas con Camiña | Camiño. De Porto a Santiago. As dúas artistas galegas dan conta da súa experiencia na devandita iniciativa, un proxecto pola visibilización das mulleres na arte. Canda as autoras portuguesas Fernanda Lamelas e Teresa Ruivo, Seidel e Escrigas realizaron durante o mes de xullo o Camiño Portugués da Costa para retrataren en acuarela as súas paisaxes senlleiras. Este traballo foi plasmado nunha exposición que pode ser visitada dende o venres na Galería Sargadelos, e nunha guía ilustrada que procura servir de material de consulta sobre este camiño recoñecido oficialmente como Ruta de Peregrinación a Compostela tras a aprobación da Lei de Patrimonio de Galicia o 16 de agosto de 2016.

Sábado 11
O sábado de novo sesión con tres conferencias, a primeira das cales será ás 16:00 horas da man de Jorge Arranz e o seu relatorio Galicia en tren. Debuxante, ilustrador e historietista, o madrileño Jorge Arranz é ben coñecido polos seus retratos de cidades. Moitos deles, realizados desde a xanela do tren foron recollidos en diversos libros. A dicir do autor, "a xanela do tren é un incentivo para debuxar, amosa unha faceta distinta da paisaxe, unha perspectiva nova onde todo está en movemento, aparece unha árbore que desaparece, vexo unha casa que xa non está, un horizonte cambiante que fai fluír a liña sobre o papel. O que importa é o movemento do proceso e non a inmobilidade do resultado". Na súa intervención durante as xornadas, Arranz falará dun proxecto co que recorreu a comunidade co ferrocarril como único medio de transporte.

Ás 17:15 horas, Joaquín González Dorao tomará a palabra con O Camiño de Santiago debuxando. Este artista gaditano, ilustrador profesional e autor de numerosos cadernos de viaxe sobre distintos lugares do mundo, vén de rematar e retratar a súa peregrinación de Roncesvalles a Santiago. O resultado é un libro, a modo de Códice Calixtino moderno, onde recolle a súa experiencia como peregrino.

Estas xornadas pecharaas Lapin ás 18:00 horas co relatorio Caderno da Memoria: Lost Poblenou. Debuxante profesional e bocetista urbano residente en Barcelona, Lapin defínese como un ilustrador móbil que leva o seu caderno e material de debuxo pola rúa, no bar, no metro... dende Istambul até Tokio. Ten un proxecto persoal que o levou a recoller no seu caderno a transformación do barrio de Poble Nou, e tamén a súa destrución. Na conferencia falará do caderno de viaxe non só como entretemento senón tamén como un álbum de estampas que recollen unha realidade.

Direccións relacionadas



Compartir: