CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia estrea en España a obra "Jong" para malabarista e orquestra, da compositora finlandesa Lotta Wennäkoski

23/10/2017 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos na súa sede, o Auditorio de Galicia, no marco das Xornadas de Música Contemporánea. O primeiro será o xoves 26, ás 20:30 horas. E o venres, ás 18:30 horas, repetirase parte do concerto de abono para o público máis novo e para as familias dentro do ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos.

O concerto do venres servirá para dar visibilidade á Fundación Terra de Homes, dentro do proxecto RFG Solidaria, que a Real Filharmonía de Galicia puxo en marcha ao final da tempada pasada. Neste caso, as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos.

En ambas as citas levará a batuta o director titular da agrupación, o mestre británico Paul Daniel. O concerto de abono do xoves comezará coa obra Jobs and gates at dawn (and other uchronias), que o compositor vigués Eduardo Soutullo (1968) escribiu por encargo da Fundación Autor e a Asociación Española de Orquestras Sinfónicas. Estreouna hai un ano a Orquesta Ciudad de Granada.

A actuación continuará co Concerto para violín en Re de Ígor Stravinski (1882-1971), que interpretará o violinista francés Matthieu Arama. Empezou a tocar o violín aos 6 anos de idade e aos 11 xa debutou como solista na Sala Gaveau de París. Posteriormente entrou no Conservatorio Nacional Superior de Música de París e no Conservatorio Real de Bruxelas, onde obtivo o seu máster coa máis alta puntuación. Gañou prestixiosos certames internacionais e actuou nas mellores salas de concerto de todo o mundo e con grandes orquestras e directores. Toca o violín Guarnerius "Duque de Cremona", que lle foi cedido pola Asociación Zilber-Vatelot-Rampal.

Música para malabarista e orquestra
A continuación, o público asistente terá a oportunidade de gozar coa obra Jong. Música para malabarista e orquestra de cámara, da compositora finlandesa Lotta Wennäkoski (1970), no que será a súa estrea en España. Os ventos e os violinistas da orquestra tocarán, ademais do seu instrumento, outros "obxectos musicais" que require esta obra contemporánea.

O artista galego Pablo Reboleiro será o encargado de realizar os malabares que acompañan á obra. É cofundador, director e actor da compañía Pistacatro Produtora de Soños, con sede en Santiago de Compostela, pioneira en Galicia en crear, producir e distribuír espectáculos de novo circo e cabaré. É un artista contemporáneo multidisciplinar. Xira por todo o mundo cos seus espectáculos, nos que mestura circo, danza e teatro, sempre desde a base cómica e humana do pallaso.

O concerto concluirá con Feira, do tamén compositor finlandés Magnus Lindberg (1958), estreada en Londres en 1997. O seu título alude ao termo español, que indica o carácter exuberante e festivo da peza. Tanto esta obra como a anterior servirán para conmemorar o centenario da independencia de Finlandia.

Charla previa co director Paul Daniel
Antes da celebración do concerto de abono do xoves, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Paul Daniel. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: