ACCIÓN CULTURAL

A compañía Etcétera recibe este sábado o Premio Galicreques 2017 no Teatro Principal

20/10/2017 O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio do Concello de Santiago, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, a Fundación SGAE e o INAEM, entra nesta fin de semana no seu treito final cunha ampla programación de actividades destinadas ao público familiar.

Entre os máis de 15 eventos previstos no programa para estes días entre funcións e obradoiros, destaca a entrega do Premio Galicreques 2017 á compañía granadina Etcétera. Fundada en 1981 en Granada por Enrique Lanz e Fabiola Garrido, a excelencia e versatilidade do seu traballo converteron a formación nun referente do teatro contemporáneo español. A súa obra é sinónimo de rigor e vangarda. Ao longo destes anos estrearon diferentes espectáculos, entre os que destacan Trans (1990), Pedro y el lobo (1997), La serva padrona (1998), Historia de Babar, el elefantito (2001), El retablo de maese Pedro (2009), La caja de los juguetes (2009) ou El alma del pueblo (2013).

A compañía recollerá o galardón ás 21.30 horas, xusto antes da función no Teatro Principal do seu novo espectáculo, El alma del pueblo.

Sábado
A actividade do festival comezará as 11:00 horas na praza do Toural, onde se celebrará o taller El trastero de Lula: Constrúe o teu propio títere. Esta actividade, destinada á cativada, prolongarase ata as 14:00 horas e volverá á mesma praza pola tarde, entre ás 17:00 e as 20:00 horas.

Ás 13:30 horas, a compañía portuguesa Lafontana-Formas Animadas representará Mamulengo Capiroto no Paseo Central da Alameda. Trátase dun espectáculo de fantoches populares que evoca a alegría, a liberdade e a transgresión.

Xa pola tarde, ás 17:00 horas, a compañía catalá La Puntual representará Pipa, el títere marvilla no Teatro Principal, mentres que a compañía madrileña Mazzú Teatro protagonizará a estrea absoluta de Enredos de amor y odio na Fundación SGAE ás 18:00 horas.

O Paseo Central da Alameda acollerá dous espectáculos pola tarde. Así, Lafontana repetirá pase de Mamulengo Capiroto ás 18:00 horas e, unha hora despois, ás 19:00 horas a compañía galega Micromina Teatro de Títeres representa Vacacións no mar.

Domingo
O derradeiro día deste XXII Festival Galicreques principiará de novo na praza do Toural ás 11:00 horas co taller El Trastero de Lula. Constrúe o teu propio títere. O obradoiro, destinado aos máis pequenos, celebrarase entre ás 11:00 e ás 14:00 horas e, pola tarde, repetirá sesión entre as 17.00 e as 20:00 horas no mesmo Toural.

Pola súa banda, a Fundación SGAE acollerá ás 12:30 horas a estrea en España de Le fumiste, espectáculo de maxia e manipulación de obxectos destinada ao publico familiar da compañía francesa Don Davel.

O Paseo Central da Alameda acollerá tres funcións ao longo do día. Así, a compañía galega Títeres Alakrán ofrecerá dous pases, ás 14:00 e ás 18.00 horas, do seu espectáculo familiar de monicreques Circo Galaico. Ás 17:00 horas, Micromina Teatro de Títeres volverá á carpa de Galicreques co seu espectáculo Vacacións no mar.

O Festival Galicreques despedirase este ano no Teatro Principal ás 20:00 horas co espectáculo Peregrinación, da compañía portuguesa Lafontana-Formas Animadas.

Direccións relacionadas



Compartir: