POLÍTICAS SOCIAIS

Ategal comeza o novo curso de formación para adultos

20/10/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, participou na inauguración do curso 2017-2018 da Asociación Cultural Galega de Formación Permanente para Adultos (Ategal). No acto tamén interviñeron Miguel Ángel Valero Duboy, director do Ceapat (Centro Estatal de Autonomía Personal y Ayudas Técnicas) do Imserso; Ángel Fagilde, presidente de Ategal, e Rafael Romero, presidente honorífico da asociación. A cerimonia serviu de avance das actividades de celebración dos 40 anos de Ategal en Galicia.

O director do Ceapat abriu o curso cunha conferencia sobre o proceso de creación das Cidades Amigables para todas as idades. No acto tamén se presentou a APP Ategal, deseñada por Tesla&Technologies. Ademais, Ategal celebra en 2018 o seu 40º aniversario en Galicia, polo que se avanzaron algúns dos actos que se desenvolverán ao longo do curso.

Ategal ten atendido nestes 40 anos a unhas 50.000 persoas seniors para optimizar o proceso de madurez. Faino mediante a organización de espazos e persoas, dirixindo accións para aproveitar a experiencia das persoas maiores.

O obxectivo é a aprendizaxe durante todo o período vital para o desenvolvemento persoal en diferentes áreas. Entre estas están as aulas presenciais en competencia dixital, saúde, consumo ou creatividade; e as aulas ocupacionais de ioga, estimulación cognitiva, arte, piscina ou idiomas. A todo isto hai que sumar a oferta de actividades interxeracionais.

Ategal busca persoas maiores activas, fomentando as relacións interpersoais en grupos de intereses comúns, sen ter en conta a idade, ofrecendo unha imaxe real das persoas maiores e poñendo en valor o talento senior.

Compartir: