PLENO

O Concello esíxelle á Xunta unhas instalacións para a Escola Oficial de Idiomas acordes ás necesidades de Santiago de Compostela

19/10/2017 O Pleno da Corporación aprobou este xoves unha declaración institucional na que lle esixe á Xunta de Galicia a dotación dunhas instalacións para a Escola Oficial de Idiomas, acordes en tamaño e dotación á demanda do centro. O texto acordado polos catro grupos municipais sinala que, se é preciso, o Concello porá a disposición do Goberno galego unha parcela municipal para acoller o edificio, que podería ser a que xa foi ofertada no seu día en Santa Marta ou calquera outra.

Ademais, a declaración institucional sinala que o Concello de Santiago levará a cabo o arranxo do aparcadoiro e o pintado dun novo paso de peóns para mellorar os accesos e a seguridade viaria no edificio actual da Escola Oficial de Idiomas.

Escola Infantil de Santa Susana
A Corporación aprobou unha segunda declaración institucional para instar á Xunta a poñer en marcha as obras da Escola Infantil de Santa Susana, para o reinicio do servizo no curso escolar 2018-2019. No texto lémbrase que a escola infantil, dependente do Goberno galego, pechou as súas portas en 2016 para ser sometida a unhas obras de rehabilitación. Nese momento asegurouse que o peche só afectaría ao curso 2016-2017, pero finalmente non foi así, privando á cidade de 80 prazas para os nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Bonificacións no IBI para familias numerosas
O Pleno tamén deu o visto bo, de maneira provisional, á modificación da ordenanza que regula o Imposto sobre Bens Inmobles, no seu artigo 3.3, relativo ás bonificacións para as familias numerosas.

A principal novidade do acordo é que a porcentaxe da bonificación dependerá da renda per capita da familia e, polo tanto, do número de integrantes da unidade familiar. Ademais, terase en conta a existencia de persoas con discapacidade na familia, sen límite de idade. No caso de que o grao de discapacidade supere o 65%, esa persoa computarase como se fosen dúas; e se o grao de discapacidade está entre o 33 e o 65 %, computará como 1,5.

As bonificacións, que oscilarán entre o 10 e o 90 por cento do recibo en función da renda, aplicaranse sempre que o valor catastral do inmoble non supere os 190.000 euros. Tampouco se poderán aplicar a máis dunha vivenda por titular.

Piscinas de Santa Isabel
O Pleno da Corporación tamén aprobou por unanimidade unha proposición do PSOE para a construción dun novo vaso para a piscina do centro deportivo de Santa Isabel. A concelleira de Deportes, Noa Morales, coincidiu en que "a cidadanía en xeral e os clubs de natación e waterpolo en particular, precisan dunhas mellores dotacións para a práctica destes deportes". A edil adiantou que nos próximos orzamentos incluirase unha partida para iniciar os estudos técnicos para a realización desta obra.

Compartir: