ACCIÓN CULTURAL

O Festival Galicreques achegaralle este venres ao público familiar os clásicos "Macbeth" e "El Quijote"

19/10/2017 O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio do Concello de Santiago, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, a Fundación SGAE e o INAEM, continúa este venres cun total de sete funcións, entre as que destacan as obras Mi primer Quijote, dos aragoneses Teatro Arbolé, e Macbeth. Ya somos el olvido que seremos, dos leoneses de Alauda Teatro. Ademais, o festival instalará unha carpa no Paseo Central da Alameda para acoller diversas actividades ao longo da fin de semana da clausura.

A Fundación SGAE acollerá ás 11:00 horas a función de Mi primer Quijote, do Teatro Arbolé. Trátase dun espectáculo de monicreques de mesa e actor cuxo obxectivo é dar a coñecer a figura de Don Quixote aos máis pequenos. Deste xeito, os escolares achegaranse ás aventuras de Alonso Quijano e Sancho aderezadas coa música en directo dunha viola de gamba.

O Teatro Principal, ás 11:30 horas, recibirá Macbeth. Ya somos el olvido que seremos, montaxe da compañía leonesa Alauda Teatro. O espectáculo, de actor e marionetas, está destinado a maiores de 14 anos e aproxímase ao clásico shakesperiano, centrándose nunha clave do texto: o enigma do ser humano, a súa dignidade e os seus límites.

No CSC Santa Marta, ás 12:00 horas, a compañía aragonesa Títeres Sin Cabeza representará Recreo, un espectáculo de sombras destinada á rapazada de entre 6 e 8 anos, que xira ao redor dunha filla aventureira e un pai preocupado.

Paseo da Alameda
O Festival Galicreques contará cunha carpa no Paseo Central da Alameda para acoller diversas actividades ao longo deste fin de semana de clausura. Así, a actividade na Alameda principiará ás 17:30 horas coa compañía El Telón, que representará Historias con guantes. Ás 19:00 horas, a compañía chilena Arriba las Hu!manos representará Un botón en mi cabeza. Trátase dun espectáculo de luvas para maiores de tres anos cuxo protagonista, Clott, destaca ao ter un fermoso botón vermello na cabeza. Clott vive feliz no campo co seu avó e a súa irmá, pero un día aparece un personaxe estraño que está moi interesado en Clott e o seu botón.

Funcións de público xeral
O CSC Santa Marta acollerá ás 18:30 horas unha función para o público xeral de Recreo, de Títeres Sin Cabeza, e o Teatro Principal acollerá as 20:30 horas a representación tamén para público xeral de Macbeth, de Alauda Teatro.

Venda de entradas
As entradas para as funcións non escolares do Teatro Principal, Fundación SGAE e CSC de Santa Marta custan 5 euros por persoa, podendo adquirir catro billetes para un mesmo espectáculo por 15 euros. As entradas para as montaxes do Teatro Principal véndense de forma anticipada de martes a sábado en horario de 18:00 a 21:00 horas. Os días de función, pódense adquirir dende unha hora antes do comezo do espectáculo. Na Fundación SGAE e no CSC de Santa Marta, as entradas véndense tamén dende unha hora antes do comezo do espectáculo.

Direccións relacionadas



Compartir: