ACCIÓN CULTURAL

Primeira reunión en Compostela do proxecto europeo Wom@rts

19/10/2017 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, abriu esta mañá a sesión inaugural do proxecto Wom@rts. Women’s Equal Share of Presence in Arts and Creative Industries, unha iniciativa de investigación e acción cultural que coordina o Auditorio de Galicia e na que participan numerosas institucións, entidades e axentes do ámbito europeo, como o Centre Audiovisuele Simone de Beauvoir e a Communauté d’Agglomération dun Grand Angoulême (Francia) o Limerick Institute of Technology (Irlanda), o Hay Festival of Literature and Arts (Reino Unido), a Umetnostna Galerija Maribor (Eslovenia), a Viesoji istaiga Vilniaus Rotuse (Lituania), a Academy of Applied Arts University in Rijeka (Croacia), a Fundación Municipal de Cultura de Avilés (España) e a asociación Women in Film & Television Finland (Finlandia).

Unha ampla representación destes centros e axentes participou esta mañá na primeira reunión operativa do proxecto, un encontro que sentou o punto de partida da investigación e que continuará durante toda a xornada. No discurso de benvida ás e aos participantes no encontro, Branca Novoneyra colocou esta iniciativa no ronsel doutras propostas culturais e sociais xeradas polo Concello de Santiago para por fin á discriminación de xénero en todos os ámbitos, para loitar contra a invisibilidade das mulleres como axentes activas no eido cultural, empresarial e social e para denunciar e condenar a violencia de xénero.

Wom@rts procura destacar e fomentar a creatividade das mulleres dende unha perspectiva trans-sectorial, con especial atención a certas áreas das Industrias Culturais e Creativas como a literatura, o sector editorial, as artes visuais e as artes escénicas. Dende un enfoque transversal, presta especial atención á capacidade emprendedora das mulleres creadoras e a unha mellor difusión dos seus traballos grazas á aplicación das novas tecnoloxías da información e a comunicación.

Entre as actividades que o proxecto desenvolverá entre 2017 e 2021, inclúese a creación dunha plataforma europea para a identificación, promoción e internacionalización das mulleres artistas, a organización de obradoiros e ciclos de conferencias impartidas por creadoras referenciais nas diferentes áreas, a coordinación de residencias artísticas e a posta en marcha dunha mostra trans-disciplinar e itinerante de traballos e proxectos realizados e liderados por mulleres.

O proxecto, de orzamento superior aos tres millóns de euros, é co-financiado entre as entidades e asociacións participantes e o Programa Europa Creativa, que aporta o 50% dos fondos.

Compartir: