POLÍTICAS SOCIAIS

Comezan este venres os "Almorzos do bo facer"

19/10/2017 Co título de "Fala-Escoita", mañá venres, de 9:00 a 11:00 horas, celebrarase o primeiro dos Amorzos do bo facer. Este primeiro almorzo busca crear sinerxias de entendemento entre cooperativas e iniciativas semellantes. Búscase a creación dunha lista con propostas de colaboración entre elas, que logo irán dirixidas ao Concello para que poidan ser materializadas no seo da comunidade. Os Almorzos do bo facer terán lugar durante este último trimestre do ano.

"Fala-Escoita" é un primeiro contacto para as diferentes cooperativas que acodan a el para presentar propostas de colaboración entre elas, ademais de proxectos de "coopetición". A meta é que as cooperativas poidan mellorar aqueles aspectos que necesiten ser reforzados para a súa actividade. Unha vez cubertas as necesidades, estas melloras terán que reverter no conxunto da comunidade.

Este primeiro almorzo busca o achegamento entre as diferentes cooperativas para que podan confrontar experiencias. Desta maneira sería posible a creación dun catálogo de propostas e ideas de colaboración e de novas cooperativas. O devandito catálogo será entregado ao Concello coa intención de que estas novas ideas poidan favorecer e fortalecer o sector da economía social compostelana.

O segundo almorzo celebrarase o 13 de outubro, tamén de 9:00 a 11:00 horas. Será co título de "Almorzo Deseña" e dará continuidade ao primeiro. O terceiro será o martes 14 de novembro no Auditorio de Galicia, no mesmo horario que os anteriores, co título "Almorzo Responde", para dar a coñecer os proxectos que poden ser viables. E xa o último será o "Almorzo Proxecta", 5 de decembro na sala Numax, de 10:00 a 12:00 horas, co fin de dar a coñecer os proxectos que serán presentados ao Concello para recibir o seu apoio.

Compostela Móvese
Os Almorzos do bo facer forman parte do programa Compostela Móvese 2017, que recolle as actividades da Oficina de Promoción Económica municipal. Búscase impulsar un novo modelo económico para Santiago apoiándose nas principais fortalezas da cidade.

Entre as iniciativas incluidas no Compostela Móvese 2017 están as Axudas a empresas de recente creación, as Xornadas de Economía Social, o Servizo de Emprendemento Colaborativo, o Proxecto Colaboractiva e a apertura das instalacións do Cersia Empresa ás entidades e empresas adheridas á Rede EUSUMO da Xunta de Galicia.

Tanto o Catálogo de Economía Social como os formularios de inscrición para as actividades están na web do Cersia Empresa.

Compartir: