MEDIO AMBIENTE

Instalados na praza Roxa catro iglús rosa da campaña solidaria "Recicla vidro por elas"

19/10/2017 O Concello e a entidade sen ánimo de lucro Ecovidrio veñen de instalar catro iglús de cor rosa para a reciclaxe de vidro na praza Roxa. Alí permanecerán mentres dure a campaña de loita contra o cancro "Recicla vidro por elas". O obxectivo desta iniciativa é mobilizar a cidadanía a que recicle vidro, contribuíndo á vez cunha causa solidaria como é a loita contra o cancro de mama. Por cada quilo de envases recollido doarase un euro á Fundación Sandra Ibarra.

Por cada quilo de envases recollido, doarase un euro á Fundación Sandra Ibarra, de solidariedade fronte ao cancro, que por segundo ano consecutivo é a beneficiara desta campaña. Ecovidrio instalou catro iglús de cor rosa na praza Roxa, para que as persoas que queiran depositar o seu vidro sobrante poidan facelo con toda comodidade.

Os datos da campaña realizada en 2016 indican que a veciñanza de Santiago reciclou un total de 1.560 toneladas de vidro, o que supón unha media de 16,26 quilogramos por persoa. A media de persoas por colector en Santiago é de 262 persoas, mentres que o total de iglús para a reciclaxe de vidro instalados na cidade ascende a 366.

Ecovidrio é unha entidade sen ánimo de lucro que leva adiante a xestión da reciclaxe dos residuos en vidro en España dende 1998. Esta empresa é a que leva toda a cadea de reciclaxe. A Fundación Sandra Ibarra naceu en 2008 para impulsar o traballo de investigación contra o cancro.

Compartir: