ACCIÓN CULTURAL

A compañía catalá Zero en Conducta presenta no Galicreques por vez primeira en Galicia a súa montaxe "Dernier danse de Brigitte"

18/10/2017 O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio do Concello de Santiago, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, a Fundación SGAE e o INAEM, continúa este xoves coa compañía brasileira Valeria & Habib e a formación catalá Zero en Conduta, que presentarán os seus novos espectáculos para o público xeral.

A programación deste xoves comezará ás 11:00 horas na Fundación SGAE coa función escolar da obra Poeta Niña, da compañía arxentina de Gabriela González López. Trátase dun espectáculo de actriz e manipulación de obxectos que se converte nunha auténtica invitación para xogar coas palabras e os sons. O obxectivo é espertar ao poeta interior de cada espectador para aprender a vivir con creatividade e empatía os tempos actuais.

Pola súa banda, o Teatro Principal recibirá ás 11:30 en función escolar e ás 18:30 horas para o público xeral á compañía Zero en Conducta, que presentará por vez primeira en Galicia o seu espectáculo Dernier danse de Brigitte, unha obra de monicreque, danza e teatro visual. Trátase dunha peza que xira sobre a figura de Brigitte, un personaxe que ten tantos anos que as súas lembranzas están en branco e negro. Brigitte é consciente de que se lle acaba o tempo e para a despedida, decide encher a súa equipaxe coas mellores lembranzas, esas que compartirá co público ao longo da obra.

Presentación de Valeria & Habib
A Fundación Granell acollerá ás 18:30 horas unha función gratuíta da compañía Valeria & Habib, formación brasileira que presentará o seu último espectáculo O día em que a morte sambou. Trátase dun espectáculo que nos fala dun ancián que vive só ao outro lado do río Tracunhaém. Esa soidade, que pode soar tráxica para moitos, para el non é motivo de laio. A obra pretende así reconstruír as concepcións negativas contemporáneas da vellez e da morte. Esta función, ademais, incluíra a presentación do libro que recolle o texto.

Teatro na rúa
A programación da xornada complétase coa compañía arxentina El Telón, que representará ás 17:30 horas, na praza do Toural, a súa obra Historia con guante, montaxe de luvas que conta a historia de María, unha rapaza que está asustada. Viu algo terrible cando viña de facer as compras e non ve a hora de que chegue Juancito, o seu noivo, para contarlle. Que viu María? Unha pantasma, un diaño, unha bruxa, un feiticeiro? A función suspenderase en caso de choiva.

Venda de entradas
As entradas para as funcións non escolares do Teatro Principal, Fundación SGAE e CSC de Santa Marta custan 5 euros por persoa, podendo adquirir catro billetes para un mesmo espectáculo por 15 euros. As entradas para as montaxes do Teatro Principal véndense de forma anticipada de martes a sábado en horario de 18:00 a 21:00 horas. Os días de función, pódense adquirir dende unha hora antes do comezo do espectáculo. Na Fundación SGAE e no CSC de Santa Marta, as entradas véndense tamén dende unha hora antes do comezo do espectáculo.

Direccións relacionadas



Compartir: