ALCALDÍA

Alfredo, Munehiro Ikeda e Lapin, grandes protagonistas da II edición de "Compostela Ilustrada"

18/10/2017 Clases maxistrais, obradoiros, presentacións, noites gastronómicas, exposicións, e unha ducia de artistas chegados de todo o mundo. Todo iso conforma a programación do II Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, que se celebrará do 9 ao 12 de novembro. O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe o programa, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo director do encontro, Miguelanxo Prado, e por Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral, que colabora no evento.

O alcalde explicou que "Compostela Ilustrada vai un paso máis alá despois dunha primeira edición que superou todas as expectativas". Martiño Noriega incidiu en que "o encontro contribúe á proxección turística da cidade, porque todos os participantes, profesionais ou non, convértense en embaixadores de Santiago". Tamén se mostrou convencido de que o éxito do encontro está garantido pola figura do seu director, "porque Miguelanxo Prado ten unha traxectoria e un perfil que lle da unha maior dimensión ao evento, e porque é a mellor mostra do potencial que ten a ilustración no país".

Pola súa banda, Daniel Lorenzo mostrou a satisfacción da Fundación Catedral por colaborar nun evento que "contribúe a cultivar a sensibilidade artística", e no que os ilustradores e ilustradoras "terán á súa disposición tanto a basílica como as vistas da cidade desde as súas cubertas".

Redescubrir o pracer de debuxar
O director do II Encontro Internacional Compostela Ilustrada desvelou que o evento está a suscitar un enorme interese e "das 200 prazas ofertadas para participar nas actividades que precisan inscrición, xa só quedan 40 dispoñibles". Miguelanxo Prado incidiu en que "o movemento dos cadernos de viaxe estase a mostrar como a mellor maneira de recuperar a sensibilidade de persoas que estaban afastadas da expresión artística, de redescubrir o pracer de debuxar, unha actividade que adoitamos abandonar en torno aos 12 anos".

Unha ducia de artistas convidados
O director de Compostela Ilustrada explicou que nesta segunda edición do encontro quíxose "ampliar o foco e contar con artistas máis especializados no debuxo urbano". Entre eles, Miguelanxo Prado destacou ao xaponés Munehiro Ikeda, que nos anos 80 percorreu o Camiño de Santiago grazas a unha bolsa da Axencia de Asuntos Culturais do Goberno nipón e elaborou un valiosísimo caderno de 400 páxinas con debuxos feitos a man. A súa obra pódese ver no Museo das Peregrinacións.

Tamén salientou a presenza no encontro do asturiano Alfredo, considerado o decano do movemento dos cadernos de viaxe. Miguelanxo Prado destacou que o artista, que tamén ten feito un libro de ilustracións sobre o Camiño de Santiago, acaba de ser recoñecido co Premio Nacional de Ilustración.

No II Compostela Ilustrada tamén participará Lapin, debuxante profesional orixinario de París e asentado en Barcelona, que ten elaborados máis de 170 cadernos nos últimos 15 anos. Na lista de artistas convidados figuran outros nomes tan coñecidos da ilustración como Jorge Arranz, Fernanda Lamelas, Isabell Seidell, Joaquín González Dorao ou Mr. Ze.

Os artistas convidados debuxarán en diferentes espazos da cidade, como o Museo das Peregrinacións, o Hostal dos Reis Católicos, o Museo da Catedral, as cubertas da basílica, ou o Centro de Acollida ao Peregrino da rúa Carretas. Tamén están previstas unha viaxe ata Padrón en tren para pintar a Casa de Rosalía e unha gran quedada con todos os participantes para debuxar na Praza do Obradoiro, na última xornada do encontro.

Exposicións
Ao abeiro do II Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, o Museo das Peregrinacións vai acoller dúas exposicións doutros dous artistas que participan no programa. Así, poderemos coñecer a obra de Munehiro Ikeda sobre o Camiño Francés a Santiago, e tamén as ilustracións que ten feito Alfredo sobre a ruta xacobea. As dúas mostras poderanse visitar ata finais de ano.

A maiores, o claustro da hospedería de San Martiño Pinario acollerá unha mostra dos debuxos do Camiño do Norte de Eduardo Baamode. Esta exposición estará aberta do 9 ao 30 de novembro.

Por último, na Galería Sargadelos poderase visitar, dende o 20 de outubro ao 30 de novembro, a mostra Camiña/Camiño. Catro ilustradoras no Camiño da Costa. A exposición reúne os traballos de Blanca Escrigas, Fernanda Lamelas, Isabell Seidel e Teresa Ruivo na súa peregrinación dende Porto a Santiago ao abeiro da primeira edición de Compostela Ilustrada.

Presentacións e obradoiros
O programa de Compostela Ilustrada inclúe tamén varias presentacións. Joaquín González Dorao falará da súa Guía Ilustrada das Igrexas de Santiago de Compostela na libraría Cronopios; Lapin estará en Couceiro para presentar os seus últimos cadernos de viaxe sobre Barcelona, París e Cuba; e Fernanda Lamelas, Teresa Ruivo, Isabell Seidell e Blanca Escrigas darán a coñecer o seu traballo Camiña/Camiño. De Porto a Santiago, un proxecto que reivindica o papel da muller no mundo da arte. Será na libraría Lila de Lilith.

En canto aos obradoiros, no programa deste ano están previstos dous, cun custo de inscrición de 30 euros. O primeiro deles, Fabrica o teu caderno, correrá a cargo de Javier Valles, que mostrará como facer un caderno en forma de acordeón. O segundo, con Mr.Ze, xirará en torno ao movemento do Caligraffiti.

Documentos relacionados



Compartir: