MOCIDADE

O Centro Xove da Almáciga acolle as "Aulas de empoderamento feminista"

13/10/2017 A concelleira de Deporte, Mocidade e Benestar Animal, Noa Morales, presentou esta mañá unha nova actividade para a xente moza enmarcada nos orzamentos participativos do pasado ano. Na rolda estivo acompañada das encargadas da formación, Mai Insua e Cristy Tojo , do club deportivo Avalon Kai, organizador da actividade.

A actividade leva por nome "Aulas de autodefensa e empoderamento feminista" e resultou a segunda máis votada do proceso de orzamentos participativos para a mocidade do 2016. Tal e como indicou Morales, "a proposta recibiu 418 puntos e está dotada cun orzamento de aproximadamente 7.000 euros".

As aulas desenvolveranse no Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga, son de carácter gratuíto e terán lugar en dúas clases do 17 de outubro ao 19 de decembro de 13:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 18:00 horas. A actividade parte dun grupo de mulleres autoorganizadas que desenvolverán esta actividade acompañada de formación de xénero que guiará ás mulleres participantes en técnicas físicas que terán beneficios tanto para o corpo como de carácter psicolóxico.

Mai Insua é psicóloga e terapeuta sexual, especializada en técnicas de empoderamento feminista. Destacou que estas aulas buscan "traballar de forma integral dende unha óptica feminista e construíndo formacións dende un espazo de seguridade". Pola súa banda, Cristy Tojo leva máis de 20 anos no mundo do karate. A súa formación céntrase no físico "pero tamén no psicolóxico", cunha parte emocional e con traballo "previo e posterior".

As aulas teñen un número de prazas limitado a 30 por cada un dos grupos e xa non hai prazas dispoñibles. "A actividade superou as nosas expectativas", salientaron ambas as dúas.

Direccións relacionadas



Compartir: