XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto para a conexión dos centros de Educación Infantil e Primaria de Fontiñas

13/10/2017 A Xunta de Goberno aprobou este venres o proxecto básico e de execución do itinerario peonil seguro para a interconexión dos dous edificios que compoñen o CEIP de Fontiñas. As obras terán un orzamento base de licitación dalgo máis de 165.000 euros, IVE incluído. O alcalde, Martiño Noriega, mostrou a súa satisfacción por iniciar esta actuación, que "é unha vella demanda da comunidade educativa de Fontiñas".

O alcalde lembrou que o CEIP de Fontiñas está dividido en dous recintos, un para Infantil e outro para Primaria, separados por unha franxa de espazo público municipal. Martiño Noriega incidiu en que "os nenos e nenas máis pequenos, de tres a seis anos, teñen que desprazarse ao outro edificio para iren ao comedor, e ata agora teñen que facelo por un espazo aberto e descuberto". O proxecto aprobado hoxe prevé a conexión dos dous edificios a través dunha rampla que discorrerá polo espazo público municipal, e que estará pechada para evitar que accedan a ela persoas alleas á comunidade escolar.

A actuación sairá a licitación cun orzamento de 165.261,28 euros, IVE incluído. Desa cifra, 124.955,89 euros corresponden á fase I da actuación e serían achegados polo Concello; e 40.305,39 euros corresponden á fase II e serían achegados pola Consellería de Educación. O departamento autonómico terá que actuar no remate da rampla, posto que lle afecta ao centro de Primaria que é da súa titularidade. O proxecto prevé un prazo de execución de tres meses para cada fase, e ambas obras deben executarse simultaneamente.

Novos autobuses
A Xunta de Goberno tamén autorizou hoxe a substitución de cinco autobuses adscritos ao servizo de transporte colectivo urbano, substitución que correrá a cargo de Tralusa e non terá custos para o Concello. O alcalde lembrou que estes cinco vehículos "sumaranse aos dez que xa foron renovados nos últimos meses".

Martiño Noriega explicou que "o Goberno é consciente do mal estado no que se atopa a flota do transporte urbano", e explicou que estas renovacións "pretenden mellorar na medida do posible a calidade do servizo ata que se inicie a nova licitación do mesmo".

Na súa reunión ordinaria de hoxe, o Goberno tamén aprobou un convenio con COGAMI para o desenvolvemento dun programa experimental de emprego. Á execución dese acordo, a través da Axencia Local de Colocación, destinaranse 15.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: